Caballero defendeu en Rianxo a unión entre socialismo e galeguismo «para construír unha sociedade mellor»
RIANXO
No acto anual de homenaxe a Castelao no paseo da Ribeira, o secretario xeral do PSdeG fixo un chamamento á autocrítica polos últimos resultados electorais e a conformar «un novo proxecto»
25 jul 2020 . Actualizado a las 18:09 h.Como cada 25 de xullo, no Día de Galicia, o PSdeG mantivo a súa cita ineludible en Rianxo para brindarlle a tradicional homenaxe a Castelao. Ante o busto do autor do Sempre en Galiza, o paseo da Ribeira acolleu un acto marcado pola medidas de protección ante o covid no que o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, realizou a clásica ofrenda floral xunto á responsable da agrupación rianxeira, Carmen Figueira. Foi o preludio dun discurso no que Caballero comezou lembrando ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois e a entrega da Medalla Castelao aos profesionais sanitarios, para despois realizar unha firme defensa da unión entre galeguismo e socialismo «para construír unha sociedade mellor».
Das derrotas hai que aprender para chegar ás vitorias», explicou Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero tamén puxo o foco nos resultados colleitados polo seu partido nas pasadas eleccións á Xunta de Galicia e cun claro ton de autocrítica, abordou a necesidade de conformar «un novo proxecto socialista e galeguista», falando e escoitando. Tamén sinalou que 300.000 galegos non acudiron a votar o pasado de 12 de xullo e que polo tanto «escoitamos, aprendemos, extraemos leccións, somos permeables a adaptarnos e a mellorar e, sen dúbida, a traballar por todos eses galegos e galegas». Así, prometeu traballo e esforzo dende a oposición e dende o primeiro día no Parlamento de Galicia, «porque das derrotas hai que aprender para chegar ás vitorias».
«Socialismo e galeguismo son a cara e a cruz dunha mesma moeda, unha moeda de espírito, de compromiso, de valores, de comprender as ideas coas que queremos vivir no noso país e tamén cos nosos compromisos de identidade coa nosa terra, coa nosa cultura, coa nosa lingua. Galicia é o noso país, é o noso sentimento», desenvolveu o líder do PSOE en Galicia. Neste senso, Gonzalo Caballero sinalou que «o socialismo galeguista foi sempre unha parte fundamental para construír unha Galicia mellor, unha Galicia que hoxe ten un Goberno e unha autonomía».
Percorrido histórico
O secretario xeral do PSdeG fixo un percorrido pola historia do partido en Galicia, lembrando a figuras defensoras do Estatuto de Autonomía de Galicia, como a de Castelao, pero tamén a do socialista Xaime Quintanilla, «que participou na primeira asemblea das Irmandades da Fala» e foi fusilado durante o alzamento fascista do 1936. Caballero referiuse tamén ao golpe militar contra a Segunda República que acabou co traballo realizado en prol do autogoberno, unha labor que afirma que o PSOE continuou durante a ditadura franquista e se materializou na Transición con dito estatuto.
«Hoxe é un día para recordar como o PSdeG abriu sempre as portas a ese galeguismo inclusivo, comprometido coa nosa terra, en figuras como a de Benxamín Casal, a de Ramón Piñeiro, a de Carlos Casares; galeguismo construtivo», clamou Caballero.
Pola súa parte, Carmen Figueira foi a encargada de abrir o acto, cun discurso no que comezou pedindo a participación de todos para frear a crise sanitaria. A responsable dos socialistas de Rianxo incidiu na necesidade de entendemento político a nivel nacional para poder sacar adiante os proxectos do Goberno en materia de axudas sociais. Tamén falou en clave galega, ao indicar que «non se pode consentir que pensen que a Galicia se lle quere só por dicir 'Galicia, Galicia, Galicia'. Nesta vindeira lexislatura, agora é cando hai que esixir que a Galicia e ás súas xentes se nos trate como merecemos».
Ao remate da intervención de Gonzalo Caballero, o son das gaitas marcou o inicio do Himno Galego, entoación á que se sumaron todos os presentes coa mirada fixa no busto de Castelao.