Rianxo e Padrón estreitan lazos na Guadalupe coa cultura e o Camiño como puntos de unión
RIANXO
A xornada do mércores está dedicada aos maiores do municipio
14 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O martes de Guadalupe pode considerarse como o día máis institucional da semana de festas. De feito, éo, porque a pesar de que tamén houbo moitas outras actividades, o programa do día xirou arredor da recepción ás autoridades de Padrón, Concello co que Rianxo se irmandou hai anos e cuxos lazos se avoga por seguir mantendo no futuro. De momento, esa unión segue estreitándose, o onte reivindicouse a cultura e o Camiño de Santiago como puntos de conexión.
A chuvia obrigou a suspender boa parte dos obradoiros de cultura urbana, pero algún deles, como o de waterslide, puido manterse grazas á tregua de deron as chaparradas pola tarde. Ese descanso entre chuvasco e chuvasco tamén permitiu que os actos institucionais se mantiveran segundo o previsto e, trata recepción na casa consistorial, autoridades de ámbolos dous concellos e representantes da comisión de festas e de institucións como a confraría rianxeira ou a Fundación Rosalía fixeron as tradicionais ofrendas ante os bustos da escritora padronesa e de Castelao.
Precisamente, a eles dous aludiu o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, na súa intervención, situando aos dous grandes da cultura e da lingua galega como símbolo da unión dos dous pobos que os viron nacer. Pola súa banda, o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, fixo fincapé na ruta xacobea da traslatio como outro dos vínculos en común entre Rianxo e Padrón.
Neste sentido, Muíños avogou por manter estes actos de irmandade entre os dous concellos trala nova etapa que se abrirá o vindeiro ano coa elección de novas corporación municipais.
Ao remate dos actos, un tanto apresurados por unha nova chuvieira, a banda de música de Padrón ofreceu un concerto baixo a carpa que se instalou onte mesmo na praza Castelao para que os veciños poidan gozar da verbena sen mollarse.
Os que tamén estarán a cuberto son os maiores, aos que se lles dedica o día de hoxe dentro da programación. Ás 14.30 horas comezará baixo unha carpa na praza Virxe de Guadalupe o xantar de confraternidade, que estará amenizado polo grupo Charada.
En canto ao resto das actividades, se o tempo o permite, están previstos obradoiros e espectáculos de circo con Circus Magníficus e Circo Chosco e a actuación da charanga Mekanika Rolling Band. Nueva Fuerza e América de Vigo encargaranse da verbena,