O escritor local Xosé Luís Axeitos presentará un novo libro
09 ene 2025 . Actualizado a las 14:13 h.Como ven facendo de forma habitual, o Concello de Rianxo réndelle este mes homenaxe a Castelao cunha serie de actividades. O programa comezará o vindeiro venres coa inauguración da exposición Os homes, pertencente á colección de Roberto Taboada, quen estará presente no acto de apertura, previsto para as 20.30 no auditorio. A cita do sábado será musical. Correrá a cargo do cuarteto Biselas, que interpretará un repertorio titulado Merendola desconcertante.
Despois dunha paréntese, as actividades vinculadas co escritor e galeguista regresarán o 24, xornada para a que está prevista a presentación do libro Cartas (1956-1979), a cargo do autor local Xosé Luís Axeitos. Estará arroupado por Valentín García Secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Díaz, deseñador; e Xulián Bustelo, rexedor local.
Ao día seguinte volverá o teatro ao auditorio da man de Artefeito, que presentará o espectáculo Dúo Vaguedades. Sobre as táboas, Fran Rei e Isabel Risco converteranse en Eduardo Pondal e Rosalía de Castro.
Xa na recta final do programa, o día 31 haberá unha nova actividade literaria. A escritora pontevedresa Iria Collazo viaxará á vila de Castelao para presentar Os mortos que amei coincidindo coa cita mensual de Barbantia. O acto incluirá unha intervención artística a cargo de Camilo Seira e dúas pezas musicais da man de Leo Sánchez Figueiro, pianista da escola local.
O 1 de febreiro, como peche, terá lugar no paseo da Ribeira a tradicional ofrenda floral diante do busto erixido en memoria de Castelao. Do acompañamento musical encargarase Fogo Fatuo.