As historias fidelísimas de Luz Pozo

MODESTO FRAGA

CARBALLO

ANDÉN LITERARIO | O |

18 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

AGASÁLLAME O poeta e amigo Luis González Tosar, presidente do PEN Clube de Galicia, cunha nova entrega -e xa van tres- da colección Arte de trobar, que edita este prestixioso colexio de escritores. Se xa os volumes anteriores, Ramón Cabanillas (Escolma poética) -edición ao coidado do profesor e poeta Xesús Rábade Paredes- e Dársenas do ocaso, de Xavier Seoane, obtiveron o aplauso merecido e unánime de boa parte da crítica; qué dicir deste facho de versos, nada máis e nada menos que de Luz Pozo Garza, unha das autoras indispensables da literatura galega contemporánea. O libro conta ademais cunha introducción moi rigorosa e atinada da profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Blanco. Certamente, e despois da saborosa e demorada atención que sempre se lle debe aos libros de poemas, todo apunta que este libro significará un antes e un despois no coñecemento, na comprensión e no entendemento da experiencia vital, da obra e tamén da vida, da insigne poeta ribadense. Historias fidelísimas (Poesía selecta. 1952-2003) é unha escolma de poemas que a autora publicou ao longo de toda a súa vida en diversos libros desde a aparición, en 1952, do seu primeiro poemario O paxaro na boca. A medida que o lector ou lectora se vai adentrando no misterioso cosmos que cada páxina desgrana, resulta practicamente imposible caer na indiferencia, pois os versos de Luz alumean como indica o seu propio nome: así suxiren, invocan, transmiten. E velaí o sentido verdadeiro da poesía, a importancia do asunto. Non atopará o caro lector unha estrofa de mais, un poema baleiro, acaso un verso perdido. Tampouco palabras gratuitas. Os poemas de Luz Pozo Garza atravesan as vísceras, traspasan fronteiras, coma tamén atravesaron e traspasaron antes a cruel -para moitos- peneira inexorable do tempo. Poucos poetas, moi poucos, soportan os anos na súa poesía. Pero Luz Pozo, si. Será porque a nosa autora dedicoulle ás musas da palabra demasiada vida, demasiado tempo, demasiada inspiración para coñecer os rexistros todos, os estilos, as formas múltiples desde as que se enfrontou ó folio en branco. En Historias Fidelísimas temos os versos formalistas do marabilloso Concerto de outono, ¡que fermoso título para un libro de poemas!, os fragmentos de desamor e soidade recollidos nas Vervas derradeiras, están tamén os diálogos poéticos que mantivo coa nosa Rosalía da Castro e que eternizou para sempre no poemario Vida secreta de Rosalía, e -como non- Prometo a flor de loto ou o Códice Calixtino. Moita poesía da boa para demasiado amor. Abondosa luz para tanta sombra escura. «Axiña pasa o tempo da total transparencia/ as verbas que deslizan un tránsito de soles». Son os versos, a súa palabra. Dínolo ela, Luz Pozo. Un pozo de luz inexorable que refresca como o orballo de verán.