Lilí Díaz e Benjamín Trillo presentaron onte un libro sobre a vida da fisterrana Celia Rivas Casais, pioneira no seu tempo
21 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Onte foi un día de lembranzas e unha xornada moi especial para os familiares de Celia Rivas Casais (1913-1974), unha veciña de Fisterra que se converteu na primeira camioneira de España. Lilí Díaz Rivas e Benjamín Trillo presentaron no hotel Cabo de Fisterra o libro Celia Rivas Casais: Pioneira de Costa da Morte , unha historia que escribiron hai xa moitos anos -xusto ao morrer a súa protagonista- e que retomaron a raíz da recente exposición promovida polo Servizo Galego de Igualdade que rescataba do esquecemento a 20 mulleres que conseguiron adiantarse ao seu tempo.
Coincidindo con aquela mostra, Lilí Díaz Rivas, sobriña de Celia, contoulles aos responsables da Vicepresidencia de Igualdade a existencia desa biografía e eles amosáronse encantados de publicala. O libro, que onte viu a luz en Fisterra, conta polo miúdo a vida desa valente muller que en 1932 non dubidou en marchar á Coruña coa firme decisión de sacar o permiso para conducir camións, algo impensable naquela época.
Converteuse na primeira muller camioneira de España e fundou a empresa Hijos de Joaquín Rivas, unha firma que a pesar das dificultades daqueles tempos convulsos seguiu a crecer e ampliouse coa posta en marcha de varios aserradeiros e a compra de barcos de pesca.
«Foi unha valente e unha adiantada ao seu tempo», confirmou onte Benjamín Trillo, que tivo a oportunidade de coñecela moi ben. Como empresaria, xa que traballou para ela mentres estudaba, e como familia, xa que casou con Lilí. «As irmáns de Celia contáronlle moitas anécdotas da súa infancia e dos seus primeiros pasos como empresaria, tamén de como traballou en Oviedo conducindo un ómnibus en plena guerra civil», explicou Benjamín, quen insiste en que el só lle puxo literatura a toda a historia.
Os autores do libro estiveron onte arroupados por moitos veciños de Fisterra, polo alcalde, José Manuel Traba, e pola directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, quen se amosou orgullosa desta fisterrán que xa pode pasar ás novas xeracións sen medo a que a súa historia se perda.