Os galardóns, decididos onte, serán entregados a mediados de xuño
10 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Unha trintena de representantes do tecido asociativo comarcal responderon onte á chamada anual do Padroado Fogar e déronse cita no salón de actos da parroquia de San Xoán de Carballo para elixir aos gañadores dos premios cos que a entidade recoñece ás persoas ou entidades máis destacadas do 2010 no ámbito carballés, bergantiñán e galego.
Como en anteriores ocasións, o complexo proceso electoral -que obriga a realizar varias roldas de votacións- propiciou algunha anécdota e forzou a repetición dalgún reconto, aínda que sen consecuencias nin polémicas. A elección máis reñida foi a do carballés. Foi preciso chegar a unha terceira tentativa, que concluíu cun empate, polo que o premio será compartido pola sección de balonmán de Xiria e (a título póstumo) polo matrimonio formado por Ramón García Sánchez e Baselisa Rodríguez, como responsables da construción da capela da Milagrosa e do colexio anexo.
Na categoría de bergantiñán, os oleiros de Buño destacáronse xa na primeira rolda e lograron o premio na segunda tras superar con claridade aos outros dos nomeados que lograran superar o primeiro corte, o médico Antonio Gómez Pan e o dinamizador cultural Xosé María Varela Martínez.
Tampouco houbo que pasar da segunda rolda de votacións para elixir ao galego do ano, posto que a Fundación Castelao superou con amplitude á cantante Luz Casal e ao resto de aspirantes, entre os que estaban tamén Luis Tosar e Luis Suárez.
Entrega e patrocinio
Aínda que en anos anteriores a entrega dos premios realizouse, aproximadamente, un mes despois da votación, nesta ocasión o Padroado decidiu retrasala para que non coincida coas eleccións municipais. Así, segundo explicou Pedro Luis Fernández Pombo, esperarán á constitución das novas corporacións e, presumiblemente, o acto será en xuño, o venres anterior ao San Xoán.
Ademais, Xosé María Arán, sinalou que trala fusión das caixas galegas, a Obra Social de Caixa Galicia deixou de patrocinar os premios e o seu lugar será ocupado por La Caixa.