A xornada de clausura será multitudinaria

La Voz

CARBALLO

28 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

? O domingo 4 de setembro, de 12.00 a 14.00 horas, celebrarase a actividade máis multitudinaria. Trátase dun roteiro cívico polas rúas da «pequena Ponteceso». Para as 11.45 está prevista a concentración na praza do Recheo dos colectivos actuantes, dos acompañantes e do público en xeral. Foron convidadas un total de 64 entidades de todo tipo (asociativo, deportivo, musical, veciñal) do concello de Ponteceso.

Neste percorrido actuarán os grupos de música e danza da asociación de veciños Eduardo Pondal de Corme, da cultural Monte Branco, Raíces Combinadas de Limiñoa, a banda de gaitas Inllar, a coral A Oliveira de Monte Branco, os poetas Diana Varela Puñal e Miguel Anxo Mato Fondo, e a cantautora Silvia Losada Crende. O roteiro estará moderado pola xornalista Cristina Pet. As intervencións dos participantes realizaranse na praza do Recheo, no patio da casa de Eduardo Pondal, na fonte do Recheo e no monólito pondaliano.

Neste último espazo, José Luís Fondo Aguiar, presidente da Fundación Eduardo Pondal, realizará a entrega de nove agasallos a persoas que participaron dalgunha maneira en 1981 no erguemento do monólito, e que son: Benigna Mourelle Mosqueira, viúva do ex-alcalde Manuel Jesús Vázquez Barca, José Luís Suárez Cotelo, José Manuel Pose Verdes, Gerardo Blanco Torrado, Manuel Puñal Garda, Miguel Anxo Mato Fondo, José Manuel Castro López, Isaac Díaz Pardo e Jaime Valdés Parga. Isaac Díaz Pardo non estará presente nesta homenaxe e achegaráselle o agasallo en vindeiras semanas no seu domicilio de Sada.