O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, estivo este verán na súa localidade pasando «as poucas vacacións que tiven en agosto». Foi en Cee pero tamén en Corcubión «coa familia e amigos». A el o que lle gusta é ir á piscina ou navegar en barco de vela, quedar cos amigos, ler e «dar unha volta coa miña muller». «Iso faise entre chamada e chamada e, ás veces, tendo que ir a Madrid porque tivemos un agosto moi axetreado. Hai que ser ministro tamén para traballar». Francisco Caamaño está seguro de que o parador de Muxía vai ser importante para toda a zona como centro de atracción turística. Tamén confía en que estas non sexan as súas últimas vacacións como ministro.
-Comida e bebida.
-Caldeirada de pinto e un bo albariño ou un tinto galego.
-Praia favorita.
-A de Langosteira (Fisterra).
-Non sae da casa sen...
-As chaves e o móbil.
-O mellor e o peor do día.
-O mellor é erguerse e ver se hai vento do norte ou do sur. O peor, cando soa o móbil e teño que deixar o que estou facendo.
-¿Romarías ou verbenas?
-As romarías. As verbenas son para os máis novos.
-Gasta pista con...
-Bailo fatal. Gústanme as cancións típicas de Os Peteiros.
-No verán infórmase con...
-Xornais, teletipos e Internet.
-A viaxe deste verán.
-Á Costa da Morte.