Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A gastronomía da bisbarra remata o mes con fartura

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Concluiron onte dous ciclos de exaltación culinaria e mantense un terceiro ata o vindeiro domingo

28 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Se hai crise, que non se note. É o que deberon pensar os organizadores das tres xornadas gastronómicas que houbo durante o mes de novembro (as de Cómete o Mar duran ata a vindeira fin de semana) en varios restaurantes da zona.

A valoración, en xeral, foi positiva. Asegúrano os propietarios, que recoñecen que toda a clientela que chegue en temporada baixa é boa, por pouca que sexa.

Nove restaurantes de Baio, Cabana e Laxe, con proposta da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, conseguiron que o berberberecho e o bacallao fosen os reis da mesa. Polo menos en restaurantes como o Zúrich, en Laxe, ou A Lareira, en Baio. O seu propietario, Juan Bautista Mato, asegura que «a semana pasada foi marabillosa, estaba o comedor cheo». Non foron tan ben as cousas noutros, debido á crise, din, ou a que «a xente está farta de tantas xornadas».

Outras que remataron onte foron as do Vimianzo Gastronómico nas que participaban seis establecementos. En restaurantes como O Retiro de Bárboles ou O Castillo, as cousas foron «moi ben». Uns 60 menús serviron no primeiro, co «galo de corral con viño tinto e trufa» como estrela, segundo a dona, Loli Mallo, e en torno ao cento no segundo, destacando os «rolos de lacón con crema de cenoria e a tenreira con salsa de queixo», asegura Obdulia Lema.

Unha semana máis

Para os que queiran gozar de máis produtos da zona, do mar concretamente, teñen unha semana máis. As xornadas Cómete o Mar continúan en sete restaurantes de Cee, Corcubión e Fisterra. En O Centolo «está funcionado» ben, segundo o xerente, Juan José Rey. Alí o menú gusta «porque poñemos cousas nosas e pouco coñecidas».