España quere Volta a O Ézaro

CARBALLO

01 sep 2012 . Actualizado a las 13:24 h.

Aorganización de La Vuelta Ciclista a España tivo a ben convidarme a seguir a etapa que rematou no Ézaro dende un coche dentro do pelotón. Iso permítelle a un abraiarse coa maquinaria que move esta proba deportiva (¡2000 persoas traballando!), sentir o esforzo extenuante que supón para estes deportistas de ferro -un queda pampo vendo de cerca como manteñen o contaquilómetros a 50 por hora tanto tempo- e, tamén, notar como ven a Costa da Morte os de fóra. Dígoo porque o notei na persoa que se encargou de atenderme, o exciclista Íñigo Cuesta. Íñigo, burgalés, é o ciclista que máis Vueltas disputou: 17 ininterrompidamente. Como tributo a esa fazaña, na súa última edición (a de 2011, que disputou con 42 anos) concedéronlle o honor de levar o dorsal número 1. Isto quere dicir que chupou moita estrada e viu moitos lugares. Polo tanto, para min ten moito valor observar a admiración coa que contemplaba o cabo Fisterra ou escoitarlle dicir «¡Qué bonito!» cando nos apareceu diante O Ézaro. Vin tamén as miradas impresionadas doutra xente da organización. Para eles a Costa da Morte foi todo un descubrimento, e estou seguro de que para os millóns de espectadores que seguiron a etapa pola televisión, tamén. Diso decatáronse o alcalde de Dumbría e Carlos Oliete, como o demostraban as súas caras radiantes de ledicia. A imaxe de Purito, chegando co océano brillante de fondo, xa é unha foto de referencia para representa-lo o éxito deportivo. Si, a Vuelta a España quedou namorada da Costa da Morte.