Fisterra, tamén agora

CARBALLO

09 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Din os bretóns que o seu Fisterra, o Finistère, alí onde está o Pointe du Raz, esa bisbarra chan e fermosa, é o Penn ar Bed. Máis ca fin do mundo, que tamén, é a cabeza do mundo, alí por onde todo comeza ou vai por diante. E este é o sentido co que máis me identifico. Fisterra é o primeiro en moitas cousas. A punta no mapa, a punta do Camiño, o vértice turístico e relixioso na Semana Santa. E tamén, no Entroido, Fisterra ten un nome que se gañou con mérito, esforzo e traballo dos seus veciños durante moitos anos. Foi por diante, e agora os entroidos da Costa da Morte xa teñen fama en toda a provincia. Todos gañan cando as cousas se fan ben.

É para min toda unha honra poder ler o pregón un día coma hoxe, e lembro especialmente aquel 8 de abril do ano 2001, cando o daquela alcalde fisterrán, Valentín Castreje, me chamou para dar o primeiro pregón da miña vida. O da Semana Santa, claro. Eran aqueles anos de comezo da década pasada nos que iniciaba unha relación moi intensa con esta vila, que agora se materializa tamén a través do entroido. Unha festa na que, xa mo advertiron, a ciencia que manda é a diversión e as punzadas irónicas, o entretemento e a ironía con puntos de sarcasmo, a física do corpo humano con resonancias garoteñas.

De todo todo isto tratarei de falar hoxe, pero tamén acudo para aprender as claves dunha forma de ver a vida que, ás veces, parece que está moi lonxe, pero en realidade está aí ao lado, á cabeza de todo, onde o mundo empeza.