Temos unha sociedade na que a emigración volve a estar á orde do día. Tamén a de mozos preparados. «Lémbrame a aqueles tempos nos que os galegos ían a Arxentina, Suíza ou Alemaña para poder comer. Claro que inflúe na saúde mental e no estado de ánimo», valora Díaz del Valle.
-Houbo moitos nenos que non se criaron cos pais. ¿Como afecta?
-Eses nenos teñen unha vantaxe manifesta, que é ter dúas nais, pero un neno que non ten relacións normalizadas con seus pais na infancia e adolescencia, vai ter unhas limitacións. Os humanos temos unha conduta de apego que nos fai desenvolver a nosa personalidade e aí pode haber dificultades. Non pasa con todos.
-¿Que di un profesional das meigas que se lle atribúen a Galicia?
-Cando unha persoa deposita noutra a capacidade para axudarlle, probablemente lle axudará, no que se refire a trastornos psicosomáticos. Obviamente, non nun cáncer nin nunha apendicite. A meiga de Baíñas era unha muller que tiña un prestixio impresionante. Outra persoa que faga o mesmo que ela facía, se non ten ese carisma, probablemente non o vai conseguir. Hai unha serie de trastornos como son o mal de ollo e mal de aire. Existen, aínda que se diga que non. Vin pacientes con estas patoloxías, que son culturais, só de Galicia.
-¿Xa está «normalizado» o feito de ir a un psicólogo ou psiquiatra?
-Hai certo estigma con algúns trastornos. Cunha depresión por exemplo non, pero pasa coa esquizofrenia: a xente segue a pensar que «non son normais» e fíxate se o son que unha de cada cen persoas a padece. En Carballo, estaríamos falando dunhas 3.000.