Mabegondo acollerá unhas xornadas sobre innovación no agro galego

La Voz

CARBALLO

24 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O próximo 6 de xuño, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), con sede na provincia da Coruña e dependente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, acolle unha xornada que, baixo o título «Retos e oportunidades para o agro galego: aplicación en Galicia do partenariado europeo para a innovación», promove este centro, xunto coa Fundación Juana de Vega e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). Pretenden dar a coñecer a potencialidade da innovación neste sector, ademais de demostrar a súa viabilidade a través de experiencias xa en marcha, evidenciando igualmente como se recolle no Plan de Desenvolvemento Rural galego.

A xornada desenvolverase de 09:00 a 14:00 horas. Participarán, entre outros, Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación; Isabel Pombal, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Juan Martínez, xefe de servizo e coordinación e seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural e do Mar; Juan Castro, do departamento de coordinación e desenvolvemento tecnolóxico do CIAM, e Carmen Martínez, investigadora científica da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).