Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Con garboso ademán... e co pincel na man

Luís Giadás

CARBALLO

29 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Polo baixo cantando, / o boo bergantiñán, / co´a aguillada ó lombo / e garboso ademán»

Así comeza Queixumes dos Pinos, de Eduardo Pondal.

Pois ben, o vindeiro domingo 13 de xullo, agardaremos que acudan ducias e máis ducias de pintores para plasmar nos seus lenzos a Ribeira Baixa do Anllóns (concretamente, estes espazos da vila pondaliana: Praza do Recheo, Paseo Fluvial, Casa de Pondal, avenida Eduardo Pondal e Feira da Trabe), nun prazo de seis a oito horas (de 9/11 o comezo e ás 17 horas o remate).

Premios importantes

Os trece premios van dende os 400 ata os 2.000 euros, sumando en total máis de 9.000 euros, o que converte a este terceiro Certame de Pintura Ao Aire Libre Fernando Álvarez de Sotomayor na competición pictórica coa meirande dotación económica de Galicia: se o contrastamos cos dous certames anteriores, case duplicamos o número de premios como as cifras dos mesmos.

Mais non só é a sustanciosa cantidade metálica o que hai que salientar: así mesmo, a cualidade do xurado. Hernán Cortés Moreno, xenial retratista do rei Juan Carlos I e do daquela príncipe Felipe e agora rei Felipe VI, auténtico impulsor deste Certame, será un dos xuíces.

A maiores, esta terceira edición incorpora como novidade tres premios especiais: Premio á dedicación e esforzo da Fundación María José Jove consistente nun gravado de Mercedes Ruibal; accésit turístico dunha viaxe en tren para dúas persoas polas rutas dos faros o 26 de xullo patrocinado por Turismo de Galicia; accésit turístico dun bono Augusta para o Hotel Grupo Solvida de Sanxenxo patrocinado por Galicia Calidade.

Relación co pintor

En resume, a relación entre o noso Bardo bergantiñán e o pintor ferrolán, dono do pazo da Casa Nova do Pombal, sita no lugar de Sergude de Riba (na parroquia pontecesá de Xornes), -aparte de ser os dous membros da Real Academia Galega-, queda sintetizada nos cadros Campesiño de Sergude e De volta, ámbolos dous datados en 1955 e ámbolos dous amosando a José Mato Fernández -avó de Miguel Mato Mato, exalumno do IES Ponteceso- coa aguillada cruzada ao lombo.

Si, tanto Eduardo Pondal Abente como Fernando Álvarez de Sotomayor, ademais de evocar herois e aristócratas, respectivamente, dignificaron nas súas obras aos persoeiros depositarios da nosa cultura: os labregos.