O actor de Os Quinquilláns volve hoxe ao Castelo de Vimianzo con dúas novas representacións do espectáculo «A traizón»
20 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Os Quinquilláns realizan hoxe (13 e 17 horas) dúas novas representacións no Castelo de Vimianzo. Lucho Penabade, actor da compañía, anima aos vimianceses e ao resto de veciños da zona a ver A traizón porque «ademais de disfrutar do teatro nun espazo marabilloso, apréndese historia».
-¿Por que actividade humanitaria destacou O Rubio de Camelle?
-Axudar aos nenos de África.
-¿Verbena ou foliada?
-Foliada.
-¿Cal foi o primeiro faro electrificado de España?
-Fisterra.
-¿Cando foi a última vez que puxo unha tixola ao lume?
-Onte pola tarde.
-¿Cal é o produto máis famoso do verxel de Bergantiños?
-As patacas.
-¿Un defecto?
-Os nervios, a impaciencia e a ansiedade.
-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?
-¿As Illas Cíes?
-¿Que templo podería ter o tellado de ouro se quixera?
-A Virxe da Barca.
-¿Que libro está lendo agora?
-Estou informándome dunha visita teatralizada sobre autores de Rianxeiro. De Dieste, Castelao, Manuel Antonio...
-¿Que dous lugares do concello de Zas teñen nome de hortaliza?
-Cebola e O Allo.
-¿Un soño por cumprir?
-A miña ilusión é durar moito tempo facendo teatro. Polo demais son moi simple, só pido saúde para os meus e para min.
-¿Onde morreu Fernando Blanco?
-Morreu en Cuba.
-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?
-103, 105, 107...
-¿Praia téxtil ou nudista?
-Eu prefiro téxtil. Son un tipo moi cortado se non teño unha personaxe.
-¿Quen foi Evaristo Martelo?
-Evaristo Martelo foi un dos compoñentes da Cova Céltica, padriño de Castelao. E viviu no Castelo de Vimianzo.
-¿Churrascada ou sardiñada?
-Churrascada. Se tomo de noite sardiñas, repítenme despois. Eu teño o churrasco no ADN.
-¿Que traxedia acabou con Man, o alemán de Camelle?
-O Prestige.
-¿Mar ou río?
-Moito máis de mar, aínda que nacín en terra de ríos. As vilas que están ao lado do mar teñen un estilo de vida especial.
-¿Cómo se chama o bar de Carballo situado no edificio onde naceu Alfredo Brañas?
-Alfredo Brañas.
-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?
-En calquera dos dous sitios, pero teño varios bos amigos en Muxía, así que me quedaría alí.