Ademais de preparar coches para outros, algo que o leva de viaxe por todo o mundo, Vidal aínda segue sentindo a emoción das carreiras que nunca deixou de todo.
-¿Non pensa aínda no dominó?
-[Risas]. Xogo algunha partida [de cartas] de vez en cando cos veciños, pero non queren xogar comigo porque din que non teño paciencia ningunha. O ano pasado aínda fixen unha carreira e se cadra aínda fago algunha outra, pero engordei coma un burro e tería adelgazar 10 quilos polo menos.
-¿Non chega logo só con ter boas mans para o volante?
-Non, moita xente non o entende pero tés que estar moi ben física e mentalmente, manterte en forma, porque se non os tempos non saen. Hai que ter en conta que isto non é como o autocrós ou outras probas nas que se lle adiantas a un queda atrás. Aquí vas ti contra o reloxo, non vés o que fixeron os outros ata o final.
-Da xubilación nin sequera falamos, entón.
-Podo dicir que practicamente dende os 13 anos non estiven ni un día sen emprego, nin un día no paro. Con 18 anos tiven un accidente de moto na Coruña e despois caín unha vez do tellado de taller, foi o que parei. Cando foi diso déronme unha incapacidade do 50 %, despois subíronme ao 75 e a verdade e que agora podería xubilarme, pero nin sequera mirei. Ando por aquí, aínda fago algunhas cousas, pero hai que deixar paso. Teño a sorte de que os dous fillos -Amador é agora o xerente- e os tres sobriños, porque montei unha sociedade con meu cuñado, encántalles isto e eu sigo aquí con eles, aínda que en todo o ano pasado só pasase unha fin de semana na casa polas carreiras. Gústame viaxar e non hai problema.