O ceo é o gran escenario que fascinou ao ser humano dende sempre, pleno de matices, de profundidade e de retos intelectuais. Ocorre, porén, que é un espectáculo cada vez máis difícil de gozar. Somos a primeira xeración que vive de costas ao ceo nocturno, nun mundo contaminado luminicamente, con efectos nocivos para o medio ambiente e mesmo para a nosa saúde. Sobran farolas e luces artificiais. Moitas están mal deseñadas, porque deberían botar luz só para abaixo e non o fan. Non teñan dúbida: con moitos menos puntos de luz estaríamos cubertos máis que de sobra.
A Costa da Morte ten aínda a sorte de dispoñer de espazos onde se conserva a natural, necesaria e saudable escuridade da noite e, afortunadamente, estase a detectar un aumento da demanda deses espazos. No 2003, a primeira edición da Ruta das Estrelas (andaina de observación astronómica) en Borneiro foi unha acción pioneira que congregou a algo máis dun cento de persoas. Na edición deste ano, a decimo quinta, chegouse a unha avalancha de case cincocentas. Ademais, van nacendo outras iniciativas semellantes en Zas, Dumbría, Corme, Carballo...
No mundo occidental comezan a ter prestixio os selos de calidade de ceos sen contaminación lumínica, outorgados por diferentes organismos certificadores. Hai un espazo de enormes posibilidades nese eido, e a Costa da Morte ten unha posición moi boa, vinculada á súa condición de espazo razoablemente virxe e, sobre todo, á súa localización no mapa. Nestes días goza do privilexio de poder contemplar o último solpor da Europa continental. Somos tan Costa do Solpor coma Costa da Morte.
En puntos emblemáticos da nosa zona xa empezan a ser habituais as concentracións para ver morrer o sol. O luns, sen ir máis lonxe, no cabo de Laxe xuntáronse unhas 150 persoas para ver a eclipse parcial de sol. Unha vez caída a noite, a nosa condición de proa continental do Atlántico proporciónanos unha vasta marxe de observación.
Trátase dunha actividade de custo moi baixo para os organizadores, e atrae a un turismo de calidade, concienciado e enriquecedor. O retorno pode ser moi alto. Pero ollo: para que iso sexa posible temos que conservar o espazo no que vivimos, organizándoo e actuando nel con accións moi sinxelas, do mínimo impacto posible.