«Para que o falen, o galego ten que estar no mundo no que se moven os mozos»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Inaugurará hoxe o Simposio Pondaliano falando da situación que atravesa a lingua

03 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dirixiu durante catorce anos a Editorial Galaxia e foi docente na Universidade Santiago de Compostela, ademais de contar cunha prolífica carreira literaria -pola cal foi recoñecido co Torrente Ballester no 1993. Dende fai seis meses preside, ademais, a Real Academia Galega. Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951), inaugura hoxe unha nova edición do Simposio Pondaliano.

-¿De qué falará hoxe?

-Pois tentarei explicar a importancia que ten a industria cultural nos procesos de socialización e continuidade da lingua. Tradicionalmente asociábase o galego á escola ou ás familias, pero na actualidade están véndose invadidas polo discurso dos medios de comunicación de masas e polos contidos que se poden atopar nas novas canles de comunicación -na rede, por exemplo. O que se trata é de analizar que presenza ten o galego neste ámbito.

-¿Cal é a situación que atravesa o galego nestes intres?

-Pois afortunadamente é unha lingua de gran prestixio e cultura, pero que, ao meu parecer, ten un gran problema de transmisión xeracional, así como tamén no posicionamento da mocidade respecto do idioma. Hai unha boa disposición emocional, pero hai unha gran ausencia de espazos de socialización onde a lingua estea viva e sexa dominante. Impóñense os modelos urbanos e van desprazando pouco a pouco os modelos tradicionais.

-¿Qué se precisa para que a mocidade empregue o galego?

-Para que o falen, o galego ten que estar no mundo no que se moven os mozos: nos medios de comunicación, na rede, nas industrias culturais, nas discotecas, na publicidade, nas ofertas laborais... Na vida real e cotiá.

-Seis meses leva xa dirixindo a Real Academia Galega. ¿Qué balance fai deste período?

-Moi positivo. Hai un clima moi colaborativo, aínda que é unha entidade que padece moitos problemas de orzamento. Non podemos estar todos os anos rabuñando de aquí e de aló a ver o que podemos conseguir. A academia vasca ten 3 millóns, a catalá ten 9. Nós non chegamos ao millón.

-Outra entidade coa que garda unha estreita relación é, sen dúbida, a Fundación Pondal.

-Pois si, dende que fun un dos Bos e Xenerosos intento sempre ir por aí. Nesta ocasión presentaremos tamén unha publicación da Academia, como é a escolma de poesía de Pondal que preparou Manuel Ferreiro. Coa Fundación teño unha moi boa relación con esa xente, que me parece moi activa culturalmente.

A veces temos a sensación de que a cultura é ou ben algo moi abstracto -como duns señores que están metidos nas hornacinas dos museos - ou ben procede das administracións públicas ou dos centros educativos. Pero non, a cultura é algo que ten que nacer da propia sociedade, da vida. Nese sentido, estas iniciativas impulsadas por xente que traballa a prol dos seus valores locais -ou, neste caso, pola figura pondaliana- son esenciais. Hai que encher o país de iniciativas deste tipo. Cando nos anos sesenta a cultura galega comezou a rexurdir foi grazas ao asociacionismo civil.

-Precísase dun traballo diario, moi constante.

-Si, pero é moi bonito, xa que polo camiño atopas a xente moi boa e moi xenerosa.