ENTREVISTA | O carballés Xoán Manuel Garrido presenta hoxe (12.00 horas) a súa tradución ao galego desta obra mestra de Primo Levi. Falou en Radio Voz
09 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe mesmo (12.00 horas) preséntase na libraría Brañas Verdes de Carballo a obra «Se isto é un home», un libro de Primo Levi traducido ao galego polo carballés Xoán Manuel Garrido. Unha obra mestra da que o catedrático falou en Radio Voz.
-¿Que nos pode contar desta obra que se presenta?
-Foi un libro escrito en 1947 por Levi, supervivente de Auschwitz. Conta o inconcibible, a aniquilación de persoas de toda idade e condición que non reunisen os ideais raciais nazis. Cóntao Levi, aínda que en primeira persoa, como supervivente, dunha maneira na que se ve como ofensa contra o ser humano, a humanidade. Fala el, tamén, por quen non puido falar ao ser exterminado baixo a maquinaria nazista neste e noutros campos de concentración.
-Historia dura: ¿Cómo foi para vostede a tradución?
-O traballo de tradución tivo un previo antes. Eu estudei esta obra para a miña tese de doutoramento. Nela fixen unha comparación das traducións do orixinal italiano a seis linguas. Foi publicado en sucesivas épocas, sobre todo a partir dos anos 60. Nese traballo de investigación fun establecendo como era recibida a tradución en Francia, Portugal, España, no ámbito anglófono, en alemán... En cada sitio, polas traducións que se fixeron, demostraba que cada sociedade recibía dun xeito diferente este testemuño, e segundo as condicións históricas de cada momento. Así, a primeira tradución ao francés foi retirada do mercado porque non se axustaba moi ben ao testemuño dos superviventes dun campo de concentración. A do inglés está manipulada, dalgunha maneira. Así, se ben o traballo de tradución foi duro, contaba con esta base que me facilitou o labor, sobre todo para non cometer os erros que cometeran outras traducións.
-¿A que tipo de público lle recomendaría esta lectura?
-En primeiro lugar traducín o apéndice de «Se isto é un home» que publicou Primo Levi no 1976, onde respondía ás preguntas máis frecuentes que lle facían nos institutos de Italia cando ía falar do Holocausto. Traducín ese apéndice («¿por que vos deixastes levar ao matadoiro?», «por que non escapáchedes?») para unha materia que dei en primeiro de ESO. Logo, coa reforma da Lomce, que permitía crear materias de libre configuración de centro, propuxen esta materia, «Holocausto na memoria», para segundo de bacharelato. Foi aprobado pola delegación de Pontevedra e, actualmente, impártoa neste curso. Traballamos, sobre todo, por que se permitiu esa ofensa contra a humanidade, por que se ultrapasou ese límite da vida sagrada das persoas (...). A lectura de «Se isto é un home» ofrece moitas pautas de comportamento vital.