Día das artes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte celebramos o Día das Artes Galegas, dedicado ao grande artista Luís Seoane, na quinta edición desta efeméride que se conmemora cada primeiro de abril dende 2015, no que os homenaxeados foron o mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alexandre de la Sota e Luís Seoane. Así como o Día das Letras Galegas xa é un clásico que todo o pobo coñece, en parte porque é un día festivo na comunidade, tamén porque levamos 55 anos celebrándoo, o Día das Artes aínda non acadou o prestixio e recoñecemento entre nós. Sen quitarlle importancia ás letras, que tamén poderían ser consideradas como arte, pola creatividade, interesa agora impulsar estoutro evento non menos importante que debe acadar a mesma relevancia que o anterior. A escolla do día 1 de abril para celebralo cada ano non é aleatoria, responde á conmemoración do día no que o mestre Mateo colocou os linteis do pórtico da Gloria, no ano 1188, e tamén foi el o primeiro homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes, que é a institución que promove o Día das Artes.

Cómpre destacar que o rianxeiro universal Alfonso Rodríguez Castelao, que foi homenaxeado na segunda edición do Día das Letras, en 1964, trala primeira dedicada a Rosalía, tamén foi o segundo ao que se lle rendeu homenaxe no Día das Artes, por ser un polifacético autor que cinguiu letras e artes, debuxo, caricatura e toda clase de creación artística. Non quero esquecer ao pontevedrés De la Sota, grande arquitecto moderno, pouco profeta na súa terra, premio nacional de arquitectura e universal ao que xa lle derrubaron unha casa por falla de protección.