
Está nominado por cuarta vez aos premios María Casares. As outras tres, gañou
13 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O actor malpicán Santi Romay (1983) está nominado aos premios María Casares de teatro ao mellor actor secundario por Medida por Medida. En principio, o acto ía ser 26 deste mes, pero tal e como está todo, foi aprazado. Non é unha novidade para este artista que deixou de ser nova promesa hai moito tempo: xa fora nominado tres veces, e as tres obtivo o recoñecemento: por mellor actor protagonista, mellor secundario, e mellor adaptación e tradución. Pero desta vez di que «está complicado». Xa ten moitas táboas pisadas na interpretación, aínda que sempre haberá xente que o identifique con aquel Fito de Mareas vivas.
-O feito de estar aí, unha vez máis, di moito.
-Comentaba o outro día [o actor] Josito Porto que para nós o máis importante é subir a un escenario, é facer gozar á xente. Para min iso é o primordial. Pero unha vez que podes facer iso e aínda por riba recibes o recoñecemento do sector... Porque nestes premios, os María Casares, os que votan son os actores e actrices da Asociación de Actores de Galicia. Así que para min é unha honra que a xente do sector che recoñeza e valore o teu traballo, poder estar nominado.
-Tal vez por iso ten máis mérito, ninguén coma eles para saber o traballo que dá isto.
-Exactamente. Pero insisto: para min o fundamental é ter funcións, que ao público lle guste o que fas. Pero, ao final, os actores e actrices sabemos o que conleva facer un traballo, subirse a un escenario, vivimos disto. Así que é un plus a maiores, que os compañeiros che recoñezan ese mérito.
-Como vai a obra que dá lugar a esta candidatura, por certo?
-Tivemos un pequeno parón, no Nadal, ata febreiro, porque como somos oito, e estamos en diferentes proxectos, por datas tivemos que parar. Agora xa retomamos en Santiago, no Auditorio de Galicia, e foi moi ben. Coincidiu en entroido e houbo bastante público. Esta semana tamén estivemos no Festival de Teatro Clásico de Lugo, e hoxe venres en Bertamiráns. Para a semana [xa se está suspendendo todo] en Sada, Vimianzo, Rianxo... Xa collemos tres meses todas as fins de semanas con funcións.
-Por certo, estalles a afectar algo todo isto do coronavirus, coas medidas preventivas?
-De momento, que nós saibamos, non. Dende a compañía non nos dixeron nada. Si que lle afecta, polo que lin, a eses eventos de máis de mil persoas. Nós imos a lugares que non teñen un aforo tan amplo. Onte estivemos no Gustavo Freire, e ten 800 butacas ou así. De momento, seguimos coa xira. Se vai a máis, haberá que tomar precaucións, claro.
-Como vai «Auga seca», a produción galego-portuguesa na que tamén traballa? Parece que ten éxito.
-Pois estamos moi contentos. Vai estar tamén en HBO, acabamos de sabelo, dende abril. Será a primeira serie en galego. A serie empezou ates na RTP que na TVG. Alí emitíase os venres e competía co fútbol, e foi a serie máis vista nos últimos 15 ou 20 anos na tele portuguesa. E aquí tamén estivo funcionando moi ben, sobre todo entre a xente nova, de 18 a 24 anos.
-Estar na plataforma HBO é outra boa nova para a súa carreira.
-Pois si, estar en HBO está moi ben. Vante ver en bastantes países, en 80 ou 90. E é una difusión moi importante para o traballo dun.