Irene Ramón, do Manuela Rial, gaña o certame Contos de Primavera de La Voz
CARBALLO

O segundo premio queda no Monte Neme carballés e o terceiro viaxa ata Cee
09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Penso no mar e na onda que vai encollendo ata que unha rocha a destrúe. Penso no mar e nesa cor fermosa que amosa no verán. Tamén no bravo que se volve os tormentosos días de inverno. Así é el e así tamén somos as persoas. Cando tiña 14 anos ingresei no hospital por anorexia (...). É o arranque do texto Martirio, co que Irene Ramón Fernández vén de gañar a cuarta edición do certame Contos de Primavera convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de Calvo. Irene é alumna do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, un centro asiduo dos concursos de La Voz e que, desta volta, volver ter un espazo moi destacado no podio, con seis dos dez traballos mellor valorados. O segundo galardón deste 2021 recaeu en Jesús Manuel Rey Gómez, estudante no instituto Monte Neme de Carballo, polo seu traballo Wolframio no fondo do Atlántico. O terceiro viaxa tamén ata Cee, ata Noa Lago Ayala, do Manuela Rial, polo relato que titulou O mar.
Irene, Jesús Manuel e Noa recibirán este vindeiro sábado os seus agasallos e diplomas. Tamén haberá un recoñecemento para os sete seguintes textos con máis valoración. Título e autoría figuran máis abaixo neste texto.
A creatividade e o talento para a escrita de Irene Ramón xa son coñecidos: foi premiada no certame de postais de Cee no ano 2010, mereceu o cuarto premio dos Contos de Nadal de La Voz no 2014 e o segundo galardón no ano 2015. Ademais, no 2019, foi recibida polo rei Felipe por ter gañado, con outros vinte rapaces, e a nivel nacional, o certame Qué es un rey para ti?

Tampouco para Jesús Manuel Rey será o primeiro recoñecemento: mereceu o cuarto posto nos Contos de Primavera do 2018.

Foron medio cento de textos chegados dende a EFA Fonteboa, o CPI Alcalde Xosé Pichel, o IES Monte Neme, o CPR Manuela Rial Mouzo, o CPI As Revoltas e o IES Parga Pondal os que tivo que valorar o xurado, integrado polo experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles, a escritora Natalia Lema, o poeta Modesto Fraga, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco. É de destacar o alto nivel deste ano, unha apreciación compartida que Fraga verbaliza: «Hai canteira na nosa bisbarra e iso é moi ilusionante». Narrativa nova e letras coidadas nun ano no que se cumpre o cuarto de século do Batallón Literario Costa da Morte.
Os dez contos seleccionados, ordeados de maior a menor puntuación acadada, do primeiro ao décimo premio, son estes:
- «Martirio», de Irene Ramón Fernández (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee)
- «Wolframio no fondo do Atlántico», de Jesús Manuel Rey Gómez (instituto Monte Neme de Carballo)
- «O mar», de Noa Lago Ayala (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee)
- «A choiva», de Laura Fernández Rial (CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco)
- «Lucio O Bravú», de Sasha Rocha Morate (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee)
- «Ézaro», de Diego Soto Riera (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee)
- «No pór do sol», de Victoria Romar Caramés (CPR Manuela Rial Mouzo)
- «O alemán da Costa da Morte», de Fiz Vicente Vidal (EFA Fonteboa de Coristanco)
- «A cova de Severo», de Iván Lago Vigo (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee)
- «Existen eses días...», de Nuria Antelo Facal (CPI Xosé Pichel de Coristanco).