Chove por Defuntos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

01 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia dos Vaos, non había máis que un cemiterio, nun lugar agreste e moi húmido. Tampouco había nichos, os enterramentos eran no chan. Se facía mal tempo nos enterros, cando pousaban os cadaleitos estes envorcaban, sumando á familia nunha dor máis intensa. Tal era a pobreza naqueles anos que só existía unha lápida no camposanto, propiedade da familia con máis recursos.

Chegado o Día de Defuntos deste ano, o meu recordo é para as tumbas sen nome. Os eidos onde habitan os esquecidos.Os lugares de descanso de nosos bisavós que foron profanados, abertos e violentados para levar furtivamente as familias ós seus seres queridos. Todo para non quedaren soterrados polas augas. Un proceso duro, ata traumático, que marcou un éxodo, como conta Lois Oreiro en Xallas, Teoría da existencia. Un libro formidable para coñecer os signos de identidade que nos confire o lugar onde vivimos.

Estas son unhas datas de recollemento, de recordar os tempos felices que dábamos por feitos e que agora non son máis que un eco tardío, que sabe a tristeza e nostalxia. Nestas horas, todos nos acordamos deles, pero o resto do ano imos a golpes, ás carreiras, vivindo unha vida precoz e acelerada que nos impide maxinar nos que se foron coa intensidade que merecen.

Por Defuntos sempre chove, din meus avós. Este frío que nos acompaña fíltrase nos ósos e, aínda que a mercadotecnia do Halloween nos envolva, algúns sentimos que estas xornadas son de recollemento e moi pouco de algarabía e caramelos. Será porque a cada un dóennos os nosos propios defuntos pola pegada innegable que deixaron na nosa memoria. Polo menos, como din os vellos, se trona xa sabemos que andan a menear as peneiras no ceo, como di a cantiga popular.