Medio cento participaron na primeira xornada pública do proxecto
20 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«Mover o marco», situando a pandeireta e as tocadores no centro, foi un dos puntais da primeira xornada pública Somos Pandereteiras, levada a cabo este domingo no Pazo da Cultura de Carballo. Na Costa da Morte, en Bergantiños, que ten sido denominado templo da pandeireta, é onde botou a andar este proxecto de reflexión para comezar a construír, entre as asistentes, unha rede que vincule e articule as relacións das pandereteiras da provincia da Coruña. É ese o ámbito inicial da iniciativa, que conta co apoio da Deputación, e a colaboración do municipio cabeceira da comarca bergantiñá.
«Estou emocionada con esta cousa que estamos facendo, tan marabillosa», dicía en Radio Voz a súa promotora, Mercedes Peón. Ela é a impulsora desta proposta colectiva na que tamén participan pandereteiras das entidades Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) E Xirifeiras (Fene). Con todas as prazas cubertas, quixo ser un «espazo de pensamento» onde poder falar de cuestións que unen e preocupan, «cousas que habitualmente non se falan»: «Entendérmonos, falarmos, vincularnos dende certos lugares para que non se perdan», avanzaba asemade Peón.
Máis que conclusións, que as haberá, repousadas e da man de catro relatoras presentes —Ana Romaní, Susana Aris, Andrea Nunes e María Reimóndez—, esta primeira xornada pública plantexouse como «vivencia» dende unha comarca que ten a creación colectiva moi arraigada e na que a propia Peón pasou «media vida». Nas conversas e mesas de traballo deste domingo participaron medio cento de pandereteiras, de diferentes xeracións (Carmen de Lema, Ermitas do Ánxelo, Icía Varela..), reflexionando sobre o rol da pandeireta e a voz ou mesmo a función social das tocadoras. «Non teriamos nin esta lingua na que falamos. A pandeireta e as tocadoras son transmisoras», dicía Peón en Radio Voz.
«Falar doutra maneira de operar, crear outras sinerxías» eran tamén plantexamentos desta proposta, que poida que amplíe radio ao conxunto de Galicia. En certa maneira, un recoñecemento a este instrumento ancestral e a quen o toca, pero non un recoñecemento «de fóra para dentro, senón de nós para nós, e por iso un encontro de pandereteiras para pandereteiras».