Miro Villar: «Temos unha literatura de moito percorrido, de moita historia»
CARBALLO
A VIVA VOZ | O escritor, docente, tradutor e crítico ceense vén de publicar unha obra divulgativa sobre o poeta homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán: «Florencio era coñecido en antoloxías, en textos que escollen a autores de varias épocas ou por xente que estudou algo do exilio. Fóra dese ámbito, efectivamente, era un poeta descoñecido, tamén porque non tivo fortuna editorial», expresou Villar en Radio Voz
28 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Vén de chegar ás librarías un novo traballo do escritor, mestre, tradutor e crítico ceense Miro Villar (1965): leva por título Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, e versa, pois, sobre o poeta valdeorrés ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. Interveu Villar para Radio Voz dende terras compostelás, camiño ao centro de ensino onde exerce, en Trazo.
—Este libro tivo como punto de partida un artigo xa escrito por vostede no 2006. Din que foi vostede un dos primeiros estudosos do autor. Que o levou a el?
—A aproximación supoño que lla debo ao profesor Alonso Montero, que nun curso do doutoramento sobre a literatura e a guerra civil, traíanos sempre materiais de primeira man, libros esgotados, non editados... e entre eles estaba a obra de Florencio. Logo, o meu primeiro destino no ensino foi O Barco de Valdeorras, e alí co instituto de estudos valdeorreses convidáronme a unha palestra nunhas xornadas. Centreina niso. A raíz disto publiquei ese longo artigo, cerna deste libro de Xerais que vai dirixido máis ben a alumnado de secundaria e bacharelato. Ten, dende logo, vocación divulgativa.
—Entendemos que a escolla de Delgado pola RAG para estas Letras ten para vostede toda razón de ser.
—Si. Entre os moitos nomes que se valoran, e que son de xustiza, o de Florencio achegaba dúas cuestións clave: unha, a aproximación á Galicia máis oriental, sempre pouco representada na celebración das Letras, e outra, a aproximación ao exilio mexicano. O exilio si estivo representado nas Letras, pero máis focalizado onde estivo o maior número de exiliados, a Arxentina.
—Que diría da vida de Florencio?
—Hai que falar dun home galeguista republicano que, no momento no que o franquismo empeza a exercer a represión e a matar a moitos dos que eran os seus compañeiros, tense que agochar e fuxir a través da raia portuguesa. Pola zona de Toén, consegue chegar a Porto e, dende alí, embarcar para Bordeos e incorporarse á zona republicana, onde, el que xa era militante de base do Partido Galeguista, vai ter maior protagonismo. Coa derrota da guerra traballa na evacuación de republicanos cara a América e el mesmo irá nun dos barcos cara o exilio mexicano, que é onde vai desenvolver a súa vida. Regresou tardiamente a Galicia, e poucas veces.
—Linguaxe cotiá, dominio das técnicas versificadoras e capacidade léxica abraiante son algunhas das características que vostede percibiu na obra do autor.
—Florencio ten catro títulos, catro libros de poemas, aínda que ten algunha obra máis, dispersa. Só un deles é previo ao 36, Bebedeira, cunha poesía moi distinta á que vai facer despois. Bebedeira é unha poesía da paisaxe, cunha preocupación polo léxico valdeorrés: incorpora moito procedente do mundo do viño. El mesmo recoñece que escribe moi na liña do hilozoísmo de Amado Carballo, en voga na época, quizais con algo máis de sensualidade nos temas. Logo ten unha etapa de poesía de combate, centrándose no antifranquismo e na defensa da lingua. Poemas con moita ironía, pero tamén moita carga ideolóxica. Logo, xa nos anos de México, é un poeta máis plural, que abrangue todos os temas e que ten unha particularidade única na poesía galega: a incorporación do que el chama poemas mexicanos, nos que utiliza voces propias de falas mexicanas. Son poemas moi musicais, rítmicos, e de feito penso que nesta celebración das Letras grupos musicais e cantores teñen aí un filón. Sábese que el era desde mozo moi cantareiro e moi bailarín.
—Podemos dicir que seguía a ser un autor non moi coñecido?
—Florencio era coñecido en antoloxías, en textos que escollen a autores de varias épocas ou por xente que estudou algo do exilio. Fóra dese ámbito, efectivamente, era un poeta descoñecido, tamén porque non tivo fortuna editorial. Penso que este tipo de cuestións se resolverán agora: achegármonos máis ao seu coñecemento, é un dos valores das Letras. Temos precisamente na Costa da Morte unha reivindicación histórica, dende Baio...
—Xusto iamos preguntarlle por esa arela para Labarta Pose.
—Hai xente que pensa que na literatura galega non hai nomes. Para nada. Temos unha literatura de moito percorrido, de moita historia, e Labarta Pose é proba diso, un autor do XIX con moita obra.
—Segue de preto a loita?
—Indirectamente si, coñezo a Xosé María Lema, ou a Xosé Manuel Varela, que lle dedicou a súa tesiña. Coñezo os traballos que se fan sobre Labarta e creo que é unha candidatura que se debe impulsar. Hai moitas outras, claro, coma a da poeta coruñesa con certo vencello coa Costa da Morte Luisa Villalta. Iría moito na liña de Xela Arias: poesía que comunica moi ben coas xeracións máis novas, cousa que ao mellor non fan tanto Florencio ou Labarta.
—Facendo memoria, véñense de cumprir 25 anos do Batallón Literario Costa da Morte. Que lle removeu? Que queda daquel espírito?
—Queda moito pouso. O Batallón tivo unha vida efémera, con dous anos moi intensos nos que cumpriu o seu papel, sacar a poesía de recintos pechados. Pero falo de pouso, porque moita xente que nese momento comezaba a publicar os seus textos co Batallón converteuse logo en autor ou autora de traxectoria. Esa é a semente que deixou o Batallón, e é o máis importante, a continuidade.