Irene Ramón gaña por segunda vez o certame Contos de Primavera de La Voz

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Irene Ramón, lendo o seu texto gañador na edición do 2021
Irene Ramón, lendo o seu texto gañador na edición do 2021 BASILIO BELLO

Alumna do Manuela Rial de Cee, natural de Muxía, escribiu «O meu camiño»

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vivimos queréndonos converter nesa onda mariña que observada dende a beira da praia semella estar lonxe e ser infinita...». A prosa da muxiá Irene Ramón Fernández, que iniciou con estas palabras o seu conto O meu camiño, volveu conquistar ao xurado do certame Contos de Primavera. Promoven o concurso La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio do Grupo Calvo. Nesta quinta edición, integraron o equipo responsable das valoracións o exdocente e exxefe provincial de Cultura Manuel Varela Rey; o divulgador e tamén exprofesor Xurxo Alfeirán; a libreira, ávida lectora e blogueira Belén Edreira; o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco. Irene «volve» conquistar, porque esta alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee gañou xa a pasada edición do certame co relato Martirio. É unha habitual dos concursos de La Voz, merecendo antes, na súa etapa de primaria, un cuarto e un segundo premio nos Contos de Nadal.

Contos de Primavera é unha convocatoria para alumnos de secundaria, á que este ano chegaron textos de centros de Carballo, Coristanco ou Cee. O segundo premio recaeu en Lucía Domínguez Castiñeira, tamén estudante no Manuela Rial, polo traballo Surfin’Nemiña. O terceiro foi parar a Coristanco, ao alumno da EFA Fonteboa Fiz Vicente Vidal, que desta volta achegou o texto Vilaverde: escala posicións, pois no certame do 2021 obtivo un oitavo posto. Ada Castreje, Iago Cespón, Iago Barral, Iván Lago, Victoria Romar, Irene García, Camilo Pablo Rodríguez e Yanira Ahedo Blanco (accésit, neste último caso) completan nesta orde o podio dos dez traballos con maior puntuación. A entrega de premios será este sábado 14 de maio, ás 12.00, no salón de actos de Calvo, en Carballo.

Os 10 textos máis puntuados

Primeiro premio. «O meu camiño», de Irene Ramón Fernández (colexio Manuela Rial de Cee)

Segundo premio. «Surfin’ Nemiña», de Lucía Domínguez Castiñeira (colexio Manuela Rial)

Terceiro premio. «Vilaverde», de Fiz Vicente Vidal (EFA Fonteboa de Coristanco)

Cuarto premio: «Por ti, por min, por todas», de Ada Castreje López (Manuela Rial)

Quinto premio: «Quero ser», de Iago Cespón Fernández (Manuela Rial)

Sexto premio: «Os presaxios da Costa da Morte»: de Iago Barral (EFA Fonteboa)

Sétimo premio: «O primeiro sinal», de Iván Lago Vigo (colexio Manuela Rial)

Oitavo premio: «O cruceiro do Arval da Cruz», de Victoria Romar (Manuela Rial)

Noveno premio: «Terra», de Irene García Laranjo (Manuela Rial Mouzo)

Décimo premio: «Auga», de Camilo Pablo Rodríguez Espasandín (Manuela Rial).

Accésit: «Sempre contigo», de Yanira Ahedo Blanco (colexio Artai de Carballo)