Xosé Iglesias: «A quen lle guste a poesía visual, penso que esta nova obra lle gustará»
CARBALLO
ENTREVISTA | O autor ceense presenta hoxe, ás 12.00, no Bela Fisterra, a súa máis recente publicación: «Luces da Costa da Morte: 12 postais da fin do mundo, 12 poemas oceánicos»
25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«Eu sempre digo que todos os mariñeiros somos poetas, temos diante nosa ese universo marabilloso que é o mar, esa visión oceánica da terra», di Xosé Iglesias (Cee, 1974). El, que tamén é escritor e ilustrador, defínese por riba de todo así, mariñeiro, e diso falou en Radio Voz co gallo da súa nova obra, Luces da Costa da Morte (editorial Bululú). Preséntaa hoxe mesmo (12.00) no hotel Bela Fisterra, un acto ao que se pode acceder de balde. Navegando, e de regreso para a terra, deu conta dalgúns detalles deste novo proxecto.
—Decidiu coller vostede o lapis, e fíxoo con moito éxito.
—Con moito ou non, non o sei, pero si sei que aqueles que mercan as miñas obras din que lles gustan. Tiven un mestre, Paco Souto, do que aprendín tanto... Dicíame: «Xosé, hai que loitar polo mar e pola nosa profesión a través da palabra, da arte...». E aí estou, dándolle duro para deixar rexistrada algo desta memoria mariñeira que pouco a pouco se vai esvaecendo.
—Xa levou «Luces da Costa da Morte: 12 postais da fin do mundo, 12 poemas oceánicos» á Coruña e Santiago, e hoxe chega con esta obra a Fisterra.
—E agardo que, proximamente, a Carballo. O Bela Fisterra é hoxe unha luz cultural. Neste libro mesturo a poesía visual, usando as acuarelas, eses 12 faros da Costa da Morte, dende as Sisargas a Lariño, cos seres mitolóxicos que son as baleas e que nos deron tanto. Somos un pobo cazador de baleas. Xa en Nación-mar reivindiquei o tema dos cetáceos. Ao final da ría de Cee está a factoría de Caneliñas totalmente abandonada, un recurso que noutros países sería tremendo, un gran museo dedicado a esta materia. No libro quixen xogar, doutro lado, con ese momento máxico que penso que todos os da Costa da Morte temos vivido, cando nos achegamos a un faro, comezando o solpor, e comeza a xirar a lámpada. Como seres excepcionais, as baleas voando arredor deles. Xa a portada é curiosa neste sentido. En Bululú son, ademais, moi enxeñosos, e decidiron facer un libro agasallo, porque quen merca esta obra, ademais de mercar doce poemas escritos por un mariñeiro, coa nosa perspectiva da vida, compra tamén doce postais que pode recortar e enviar a calquera parte do mundo. Aí está, pois, o libro, recén saído do forno, xa nas librarías. É un libro moi interesante, creo, para aqueles que fan o Camiño dos Faros. Recollo nel tamén lendas negras desta nosa comarca, coma esa dos bois...
—«Nación-mar» é do 2021, está sento un tempo prolífico...
—E Luces da Costa da Morte non vai ser a única publicación deste ano. Nun mes ou así sairá nunha nova, pero de momento mantéñoa en segredo. Son traballos que estaban aí, feitos, e que irán vendo a luz. Esta nova obra segue a estela dese Nación-mar, pero quixen nela volver ás miñas orixes da poesía. Teño dous poemarios publicados e dende o 2016 ningún máis, pero Luces da Costa da Morte pode considerarse iso, ou un álbum ilustrado, ou un mini-poemario. A quen lle guste a poesía visual, penso que lle gustará.
—Como celebra este San Xoán? Trouxo sardiña á terra?
—Non [ri], porque o meu non é un barco de cerco. O noso peixe estrela, ao que largo eu o aparello, é o salmonete. E con respecto ao San Xoán, se fose a Cee, seguro que tocaba cachela, porque a miña familia é mariñeira e celebra esta festa ao grande. Pero teño que saír ao mar, así que nada. Aínda así, probei unhas sardiñas, e este ano, a verdade, están fantásticas.
—Ante todo, mariñeiro.
—Si, si, pero eu sempre digo rindo que teño a grande sorte de que non me guste o fútbol, porque así quédame tempo para facer moitas cousiñas. Aproveito moi ben o tempo e van saíndo cousiñas coma estas Luces.
Din sobre a obra...
Unha colección de postais de faros con poemas do mar ou viceversa? O que tes nas mans é moito máis. È un artefacto poético e visual que emerxeu das augas da Costa da Morte, onde vive o seu autor, o artista oceánico Xosé Iglesias. Páxina a páxina, funde o misterio máxico da fin do mundo coa beleza directa e salvaxe do mar. Combina, así, a súa paixón pola poesía, pola pintura e por ese universo mergullado que navega a diario, por ese mundo feito de sal, vento e sol, e habitado polas súas criaturas icónicas: baleas, candorcas, delfíns... Un obxecto con múltiples usos.