«Claro que vou cantar 'Eu chorar chorei', é o hit deste verán»

CARBALLO

XOAN A. SOLER

A artista Pili Pampín chega esta noite ás Festas da Xunqueira de Cee: ¡primeira verbena!

13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María del Pilar Villar Rivas (Teo, 1971) é coñecida por todo o mundo por Pili Pampín. Comezou no eido da canción con apenas 18 anos. E hoxe sábado, día 13, actuará, a partir das once da noite, nas Festas da Xunqueira de Cee. Non é a primeira visita que realiza á vila da Xunqueira, xa que estivo a finais do 2021, como lembrou.

— De onde vén o seu nome artístico de Pili Pampín?

—Pampín é o segundo apelido do meu pai. Ademais, a miña familia rexentaba en Calo, no Concello de Teo, o restaurante Casa Pampín, de aí o meu nome artístico.

— Leva a toda a vida na música pero, sen embargo, ultimamente é coñecida, e tamén recoñecida, polo seu dueto con Ortiga.

—Si, a verdade que si.

— Como xurde esta colaboración artística?

—Pois do especial de fin de ano de 2021, e a verdade é que quedou moi ben, estou moi contenta co resultado. É unha mestura entre a música popular galega, o tecno e a música con autotune.

— Vai deleitar á xente este sábado co seu exitoso «Eu chorar chorei»?

—Como non vou cantar Eu chorar chorei se e o hit deste verano. Claro que si que o farei.

— Algunha sorpresa máis?

—Podo dicir que empezarei a miña actuación con Airiños, airiños aires, pero non lle avanzo nada máis porque se non quedo sen sorpresas para o público. O que queira saber que vou cantar que veña ata a Cee e o descubra. Haberá moita festa. Si podo dicir que me encanta a copla, dende sempre. É un dos meus xéneros de referencia.

— Gustaríalle continuar introducindo esa música popular galega no eido do tecno e do autotune?

—Se se dá a circunstancia, por que non? Todo o que sexa interactuar coa xente nova, pero sen perder tampouco a esencia da música galega tradicional, benvido sexa. Non me pecho a nada. Eu chorar chorei pode ser o inicio del algo máis, por que non seguir por aí?

«A xente ten máis gañas de verbenas que antes do covid»

Pili Pampín leva máis de trinta anos en riba dos escenarios.

— Como percibe vostede este regreso á nova realidade?

—A xente ten máis gañas de verbenas e de festa máis, incluso, que antes da pandemia.

— Onde o nota?

—Nas afluencias. Están todas as verbenas cheas de xente. Vaias onde vaias está todo abarrotado de xente, de todas as idades. É un reflexo de que hai gañas de festa. Foron dous anos moi complicados, con confinamentos e restricións sanitarias moi duras. Foi todo moi complicado. A pandemia levou, por desgraza, a moitos grupos e cantantes por diante. Para os que, por sorte, podemos continuar facendo o que máis nos gusta, que é a música, é un orgullo ver a tanta xente gozando das actuacións. Está claro que as verbenas están máis vivas ca nunca e espero que isto continúe así. Sería, sen dúbida, un bo sinal.