Evaristo Calvo: «Pasei moitos veráns recollendo patacas en Coristanco»

Claudia taboada / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

A remollo | O actor, de orixe paterna coristanquesa, será recoñecido como Xograr polo FIOT de Carballo

28 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Evaristo Calvo (1961) criouse na Coruña, onde comezou a súa traxectoria. No pequeno grupo de teatro da súa escola deu os primeiros pasos cara a que sería a súa futura profesión. Agora, cunha carreira sólida en teatro, cine e televisión ás costas, segue o seu camiño como actor. Este pasado mércores estivo en Cee presentando o seu último proxecto da compañía Excéntricas: O porco de pé. Calvo reflexiona sobre a súa carreira, que será recoñecida na edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo.

—Despois da súa longa e célebre traxectoria no teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo recoñéceo este ano como Xograr do Outono. Como reaccionou?

—O día que me chamaron para comentarme que sería Xograr do Outono foi un día moi feliz! Moi emocionado, porque é do mellor que lle pode pasar a un actor, ser recoñecido e valorado polos que traballan no mesmo ca ti.

—Participou en edicións anteriores?

—Sí, coa compañía Excéntricas temos estreado moitas obras no festival. E mesmo neste ano faremos algo especial para conmemorar o 30.º aniversario de Mofa e Befa.

—Falando de Mofa e Befa, o seu público leva moito tempo apoiándoos. Como se sente formar parte dun acto que é así de querido?

—Como mínimo, satisfeitos. E co máximo, felices. Porque o máis importante para un actor é ter ese recoñecemento do público. Sentimos un sentimento de gratitude enorme, moi felices de que as cousas saíran tan ben. Non temos queixa!

—Cando pasa polo FIOT aproveita para visitar Carballo e todo o seu entorno?

—A verdade é que non, porque cando estou traballando desconcéntrome demasiado se me fixo en cousas externas. Pero a zona coñézoa, porque nacín na Coruña. Pero ademais, teño familia bergantiñá, en Coristanco. De alí é o meu avó paterno e pasei moitos veráns na aldea. Paseando coas vacas, facendo freixós, recollendo patacas…

—Igualmente coas obras teatrais que leva por toda Galicia, tamén viaxou pola Costa da Morte, non?

—Claro! Actuamos moito en Malpica, Corme, Baio, Vimianzo… En moitas localidades desa zona.

—Algunha vez na súa terra de Coristanco?

—Xusto en Coristanco, non. Probablemente porque, ao contrario doutros concellos, non conta cunha infraestrutura marcada para acoller teatro. Aínda que nós tamén actuamos moitas veces na rúa e en locais pequenos.

—Moitas veces só fai falta que haxa xente con ganas.

—O teatro é un conto entre os actores e o público. Pódese facer nun prado ou nun gran teatro, ambas situacións teñen presente o feito do teatro.

—Tendo en conta que actuou por toda Galicia, nota cambios na audiencia? Por exemplo, como é o público da Costa da Morte en comparación coa xente de interior?

—Hai diferenzas de carácter. A xente de interior é máis reservada que a xente de costa, que adoita ser máis extrovertida. Pero eu penso que o que define a un público é o costume de teatro. É dicir, nunha zona de hábito de asistir ao teatro nótase.

—Ve que por esta zona se lle dea apotencial ao teatro?

—Claro! Ademais Carballo é capital de Bergantiños e unha vila moi importante para o teatro. Tamén Malpica, por exemplo. Nesta zona sempre hai un público moi participativo e entusiasta.

—Aparte de teatro, tamén traballou en cine e televisión. E deuse a casualidade de gravar pola Costa da Morte.

—Si, con Mareas Vivas estivemos por Laxe, Corme, Cabana... Foi unha experiencia marabillosa. Tiña a característica de que tiña moitas gravacións en exterior, así que pasabamos moito tempo desfrutanto dos fermosísimos lugares da zona, pero tamén papando moito frío. Sempre nos sentimos moi ben acollidos pola xente.

—Sendo natural da Coruña, é máis de mar e praia que de montaña?

—Sinceramente aprezo todo o que sexa natureza, pero sempre tiro cara o mar. De feito houbo unha época que practiquei vela.

—Entón, algunha vez veu desfrutar algunha praia da zona?

—Si! Cando era pequeno iamos en familia pasar días enteiros en Razo, Baldaio, Caión...

—Esta semana estivo en Cee co seu último proxecto «O porco de pé». Volverá á Costa da Morte?

—Si, estaremos en Malpica. Nunca nos esquecemos desta zona!

MÁIS A FONDO

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? Creo que foi na cachelada de Mallou. Comín as sardiñas que son salgadas e fervidas. Recordo que actuamos ese día, e comín demasiadas sardiñas e despois... arrepentinme.

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Foi onde afundiu o barco Serpent, en Camariñas.

Percebe de Corme ou longueirón de Fisterra? Voume quedar co percebe do Roncudo. De feito nunha Festa do Percebe empachei a fartar con eles. Pero non habendo percebes o longueirón chega perfectamente.

Bañouse algunha vez na Praia dos Cristais de Laxe? Bañarme non, pero teño apañado algunhas das pedriñas de cores cando non estaba prohibido. Ao mellor daríame algo de impresión bañarme, tería medo a cortarme. Pero estiven alí moitas veces, que con Mareas Vivas gravamos por esas zonas.

A catedral do megalitismo? É a que está en Cabana, Dombate.

Ese mesmo. Sí, que agora está moi ben coidado.

O mellor solpor? Isto é dificilísimo, aquí todos son alucinantes. Pero eu diría que na Praia do Trece, ou unha zona fermosa en Santa Mariña. Como damos ao oeste, todos os solpores son magníficos.