Gonzalo Calvo, veterinario: «A varroa duplícase cada mes e a esta altura do ano pode matar a colmea»

L. G. / C. V. LA VOZ / CARBALLO

CARBALLO

.

A viva voz | O especialista recomenda sacar o mel xa para empezar o tratamento

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Calvo é veterinario de AGA (Asociación Galega de Apicultura). Participou no programa Voces do Agro de Radio Voz Bergantiños, que conduce Luis García, director de Fonteboa.

—Cantas colmeas ten?

—Empecei cunha e despois foron dúas e así seguido. Esta é unha actividade que engancha. Entrou tamén algún enxame, empecei a dividir... E agora teño unhas 80 ou 90.

—Fan falta coñecementos para ser apicultor?

—É importante ter unha pequena base teórica, facer un curso de iniciación porque senón vas ter moitos atrancos. Pódeche levar 10 ou 11 anos aprender algo pola túa conta que podes coller nun pequeno curso e gañas moitísimo tempo. Ademais teñen chegado aquí algunhas enfermidades como a varroa e tes que estar un pouco preparado.

—Ese é o inimigo principal das colmeas?

—Pódese dicir que si. Hai zonas onde hai moita velutina e prodúcense moitos ataques, pero esa sería a causa número dous. A varroa sempre está no un, acompañado doutras cousas.

—Existiu sempre?

—Chegou a Galicia en 1984 e está en todo o mundo. O único lugar que estaba libre era Australia, pero este ano xa houbo noticia de que a detectaron alí. Aínda que é unha illa moi grande e teñen moito control das entradas acabou chegando.

—Pode ser un inimigo invisible do apicultor?

—Si, porque o único que se notaría é a desaparición. Esa sería a principal sintomatoloxía.

—Que é a varroa?

—Un ácaro como o da sarna, pero de gran tamaño, é macroscópico, vese a simple vista. Por facer una comparación co ser humano sería como se tivésemos un cangrexo no noso corpo. Se miras unha abella infectada ves a varroa, un ácaro que se está a mover sobre dela, chupándolle a linfa que é como o sangue, coméndolle algo de graxa, transmitíndolle algunha enfermidade vírica, causándolle moito deterioro, claro.

—Cales son os síntomas?

—Cando están infectadas están nerviosas, inquedas, traballan menos e a súa viabilidade, a duración da súa vida, é moito menos. Se ían traballar 20 días van ser 5 e acabouse. Ten repercusións económicas aínda que non morra a colmea.

—Cal é o tratamento?

—Hai que establecer un plan profiláctico. Basicamente é obrigatorio por lei facer un tratamento anual. Hai que facelo despois de quitar o mel. Agora que a xente xa está terminando a colleita hai que tratar. Debido á varroa interesa quitar o mel canto antes.

—Recomendan adiantar os traballos

—Si, se hai, e todos temos, en canto se acaba a entrada de mel hai que quitala para tratar canto antes. A varroa duplícase cada mes e a esta altura do ano pode matar a colmea. Se empezamos cun número, aínda que sexa pequeno, en xaneiro, se vai multiplicando por dous e cando chegamos a agosto xa está nun límite moi perigoso.

—Chegaremos a tempo?

—Estamos a tempo. A parte de que se non quitaches o mel non queda outra que quitalo e tratar agora. Se ti tes moita varroa podemos pasar de 3.000 exemplares agora, que a colmea está aguantando ao límite a, de repente, en 15 ou 20 días ter 6.000, que xa provoca a desaparición do enxame.

—Que tratamentos hai?

—Hai que utilizar o autorizado pola Axencia Española do Medicamento. Está prohibido usar remedios caseiros, porque ao marxe de que funcionen ou non, as abellas producen alimentos para o consumo humano. Hai unha certa variedade de produtos e hai que coñecelos porque nunhas épocas uns van mellor ca outros, dependendo da temperatura, fundamentalmente. Co tratamento empezaremos o ano con moi pouca ou cero varroa. A partir de xaneiro empezará a duplicarse ata que chegamos ao momento crítico en xullo, agosto e setembro.

—O habitual é un acaricida en forma de tiras.

—Hai que deixalo entre 45 e 60 días e non podemos esquecelo dentro porque senón acumúlase e provoca outros problemas. Se foi ben empezaremos o ano coas colmeas limpas. Se é así e non houbo reinfestacións é probable que nos chegue con tratar despois en agosto. Se vemos, por algúns test, que en febreiro, abril ou marzo está a cousa un pouco disparada pódese facer un tratamento para non chegar a esas cantidades tan elevadas nos meses críticos.

—Entre as recomendacións que da está depositar un folio grande, un A3, no fondo da colmea.

—Ai é onde veremos a cantidade das varroas que morren de morte natural e relacionámolos coa poboación viva, adulta. É un test sinxelo que nos permite ver como están as nosas colmeas se podemos aguantar ata agosto o temos que darlle outro tratamento antes dese mes.