Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«A nosa intención é darlle unha volta á Mostra da Olería, un aire novo»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

A entidade de artesáns escolleu como novo responsable a O Rulo, Antonio Pereira, que xa fora elixido xa para o cargo no ano 1997

12 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Pereira (Buño, 1959), máis coñecido como O Rulo, foi o primeiro presidente da Asociación Oleira cando se creou a entidade, en 1997, polo que xa fixo as vodas de prata. Despois del só estiveron Carmen Isabel Labrador, e Fran Gorín, que dimitiu en xaneiro cando remataron os dous anos de mandato. Pereira, que é fillo, neto e bisneto de artesáns, volve ao fronte da entidade, non tanto por puro gusto como por responsabilidade. «Non quería que quedasen sen presidente ao aire e dixen que, se me votaban, eu estaba disposto a estar un par de anos», explica.

—Que proxectos teñen?

—Aínda estamos aterrando, organizando as ideas. É un pouco cedo para andar anunciando cousas, pero temos algunhas en mente.

—Como cales? Algo relacionado coa Mostra?

—A nosa intención é darlle unha volta á Mostra, un aire novo. Pero son cosas que aínda temos que falar entre nós, ir perfilando. Xa estamos empezando a ter reunións e encontros para falar do que podemos facer.

—Falaron xa co goberno local para darlles a coñecer algunha das novas propostas?

—Imos ter unha reunión co alcalde. Queremos que Buño se vexa como un pobo oleiro, que cando a xente entre teña ben claro que é ao que nos dedicamos. Unha das propostas é poñer todo ao longo das vías principais macetas decoradas con barro. Neste momento non hai ningunha e iso serviría para identificarmos.

—Esperan manter unha boa relación de colaboración co Concello de Malpica?

—A nosa idea é colaborar co Concello para aproveitar todo o que se poda a promoción da olería. Estamos dispostos a participar en actividades que poidan servir para dar a coñecer o noso traballo.

«Na asemblea xeral, o anterior presidente xa dixo que non tiña ganas de continuar»

A principios de xaneiro quedou claro que sería necesaria a elección dunha nova xunta directiva. «Na asemblea xeral, o anterior presidente xa dixo que non tiña ganas de continuar», explica O Rulo, un dos innovadores en materia oleira.

A nova rectora do colectivo artesanal ten algunhas novidades e mantén outros tantos nomes da etapa anterior. Como vicepresidenta mantense Marilá e entra como novidade María Canedo, que exerce de secretaria. David Cambón continúa no cargo de tesoureiro e José Antonio Corral entra como vocal.

Entre os proxectos da actual rectora, segundo explicou o novo presidente, está chegar a ter unha sede para a entidade.

—Onde a van facer?

—Temos a intención de retomar o gremio que está en baixo do Empalme.

—Está en construción?

—É un edificio que comezamos hai anos e que quedou en estrutura. Está medio feito. A nosa intención nos próximos dous anos é pechalo. Ocupa a maior parte do solar e hai moito tempo que lle botamos a placa, pero non houbo cartos para máis. Ten uns 200 metros cadrados. Temos a idea de continuar onde o deixamos. Pensamos en contar coa colaboración do Concello para ir facendo pouco a pouco, segundo as nosas posibilidades.