A Costa da Morte expande o virus da literatura 

Patricia Blanco / X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

MES DO LIBRO | Nas últimas horas, alomenos cinco presentacións literarias [ Fina Casalderrey, Héctor Lema, Xosé Gándara, Mirian G. Blanco e Celestino Pérez] e o arranque da Semana do  Libro e a Lectura en Carballo

25 abr 2023 . Actualizado a las 23:12 h.

«Penso que non hai tecnoloxía máis sofisticada que a voz humana contándonos algo con ganas e dende o afecto», dixera no 2016 Fina Casalderrey, ás portas de ser nomeada Boa e Xenerosa en Bergantiños. A esta comarca, e a amosar iso mesmo, volveu o venres, con parada primeiro en Coristanco e logo en Carballo, en Espiral Maior Foro. En ambos casos, acompañada pola mestra e filóloga Lucinda Andrade, e no caso de Carballo, de Fernán Vello e os acordes de Miguel Anxo Calvo, de quen se levou ademais un retrato pintado por el mesmo. De «grande fortuna» e «fito para este concello» tildaron en Coristanco o paso da autora coa novela A muller xabaril. Frescura, humanidade e sinxeleza reportaron dende Carballo, con Casalderrey animada ata a un pasodobre.

ANA GARCIA

Ao tempo que a pontevedresa, académica da RAG, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e candidata ao Hans Christian Andersen 2024, interviña en Espiral Maior, o porteño Héctor Lema Paz facíao no Casino carballés. Médico e odontólogo, recunca na literatura con Una vida como la tuya. Anécdotas recollidas durante decenios, unha pequena homenaxe a seu pai e, por extensión, aos «heroicos» médicos de cabeceira da Costa Morte aló polos anos 50. Personaxes e lugares son reais, se ben «es privilegio del autor retorcer la historia hasta que sangre, en aras del divertimento personal y del lector», advirte nas primeiras páxinas.

BASILIO BELLO

Case 24 horas despois, sábado, Xosé Gándara Arjomil acudiu á Casa da Cultura de Vimianzo co seu libro Cemiterios egrexios e tumbas de poetas. Este vimiancés de Tedín fixo un percorrido ameno polas motivacións que o levaron a escribir este libro monumental e máis polos panteóns e cemiterios máis singulares, ao tempo que repasou a tumbas dos principais poetas galegos. Lamentou que só poucas máis de 200 lápidas funerarias da Costa da Morte estean en galego. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, dixo sentirse orgullosa de que un vimiancés faga ver «outra maneira de ver e coñecer o patrimonio» cun libro de «manifesto valor».

«Muller vimiancesa con moita valentía, con moitos valores e chea de moita felicidade»: así definiu Rodríguez, doutro lado, a Mirian Gándara, Mirian G. Blanco,  quen o domingo levou máis literatura a Vimianzo con Las cinco reglas del amor. Non lle quedan lonxe a vintena de obras xa publicadas en Amazon.

En fin, citas todas elas arredor do Día do Libro, no Mes do Libro e na Semana do Libro, que onte arrincou en Carballo. Covas Célticas que, por certo, retornaron o sábado á Fundación Pondal, desta volta coa segunda obra de Celestino Pérez RecareyNomes propios— e moi boa asistencia.

Inventi Teatro, en Carballo

Máis de 1.500 nenos e nenas de colexio de Carballo participarán na Semana do Libro e a Lectura que botou a andar onte con Inventi Teatro e «As palabras perdidas», na biblioteca Rego da Balsa. 

Ana García