A noite meiga gaña adeptos na Costa da Morte

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A xornada solleira do venres fixo que a maioría de propostas celebradas polo San Xoán contasen con auténticas multitudes. Inclúe álbum con imaxes!

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha tolemia, superou con creces as nosas expectativas», dicía o presidente da comisión de festas do San Xoán de Carballo. «Unha pasada, máis xente que nunca», apuntaban, pola súa banda, desde Sardiñeiro. «Tiñamos apuntadas 200 persoas para a sardiñada e acabaron vindo máis de 500», contabilizaban dende A Pereiriña, en Cee. «Foi o ano de maior asistencia», aseguraban dende a Lumarea camariñá. A conclusión está clara: a veciñanza da Costa da Morte saíu o venres en masa ás rúas para espantar ás meigas e sumarse a algunha das numerosas celebracións que tiveron lugar polo San Xoán.

BASILIO BELLO

Veciñanza da comarca, e tamén de fóra dela, pois pola praia de Area da Vila pasaron festeiros doutras localidades da provincia e mesmo de máis aló. «É unha pasada e un orgullo que veña xente de fóra a unha festa da nosa vila», explicaba onte José Campaña, presidente da entidade organizadora. Tiñan preparadas 1.500 racións de sardiña, que foi servida de forma totalmente gratuíta xunto con pan de broa e cachelos, e unha gran cachela de 25 metros que replicaba o HMS Serpent, o buque afundido no século XIX que deu lugar ao Cemiterio dos Ingleses. Primeiro ardeu unha montaña de leña, e despois foi o barco o que sucumbiu ás lapas, logo dun espectáculo pirotécnico. «Sempre facemos cousas vinculadas a Camariñas, e así seguiremos ata que se nos acaben as ideas», apuntaba Campaña. Dende que a asociación Lumarea de San Xoán se encarga da cachela, hai xa 18 anos, fixeron unha almofada de encaixe, un bolillo, unha recreación do Castelo do Soberano, unha maqueta do Faro Vilán, un polbo... A festa continuou ata a alba, e o máis importante, «sen incidencias», concluíu o presidente.

DIEGO ALONSO

Moi boa resposta tivo tamén o San Xoán na Pereiriña, en Cee, unha tradición que a Asociación Cultural Xente da Tralla vén de recuperar. Esgotaron as oito caixas de sardiña que mercaron a unha empresa fisterrá e consumiron, tamén, boa parte dos 60 quilos de churrasco que tiñan preparados. Había 200 persoas inscritas, pero acabaron xuntándose máis de 500, explicou Diego Pazos, membro da entidade promotora. «Fixemos tamén unha lumarada bastante grande, pero tamén tiñamos mini cachelas para os que querían saltar e espantar as bruxas», bromea o ceense. Houbo, así mesmo, queimada, e unha foliada improvisada á que sumaron numerosos músicos e bailadores da parroquia.

XENTE DA TRALLA

E en Sardiñeiro, na primeira xornada duns festexos que aínda rematarán hoxe ao mediodía, a colaboración de empresas locais permitiu servir aos asistentes racións de sardiña e pan sen ningún custe. «O peixe dóao tódolos anos o barco Pan Talleiro, que nos deu oito caixas nesta ocasión, e o pan vén de Panadería Suárez. Logo da degustación, tocou baixar a comida coa discoteca móbil Full (co DJ Rokiño na cabina) e coa popular orquestra El Combo Dominicano. A actual comisión de festas, integrada por cinco mozos de entre 27 e 32 anos, leva seis anos organizando estas celebracións.

COMISIÓN

Troula ata altas horas na Carballeira de Baio, espírito veciñal en Salto, churrasco e sardiñas gratis en Vilaseco, carne e dúo D'Festa en O Esto, hinchables e churrasco en Camelle, sardiñada e pinchadiscos en Tella, festexos en Serantes, cachela e boa comida en Berdillo, lumarada en música na praia de Corme... A Costa da Morte foi o venres, e tamén onte, unha comarca levantada en festas polo San Xoán. O inicio non oficial do verán.