Lito, da Panorama: «O Ézaro e o faro de Fisterra son dos lugares máis bonitos de Galicia»
CARBALLO
A remollo | No que vai de verán, o cantante e director da orquestra xa bailou sobre o escenario na Costa da Morte e regresará
23 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Este verán percorreu xa as festas de Malpica, Carnés ou Suxo coa Panorama e aínda estará por A Laracha, Cerceda ou Carballo, entre outros lugares. Alá por onde vai é coñecido. Non é outro que Manuel Garrido Dopazo (Sanxenxo, 1968), Lito para todos. É moito máis que cantante e director dunha das orquestras galegas con máis popularidade e seguimento, un histórico.
—Que lle parece a Costa da Morte?
—É unha zona que me gusta moito e que visito cando podo de forma privada, pero non teño moitos días de ocio.
—Ata que sitios se achegou ex profeso?
—Unha das zonas que me encanta é O Ézaro. As vistas parécenme incribles. E o faro de Fisterra é espectacular. Son dos lugares máis bonitos de Galicia.
—Probou os mariscos?
—Teño comido moito en Fisterra, ou sexa que si [ri].
—Lembra cando foi a primeira vez que veu actuar por estas terras?
—Uf! O que si que recordo é que nesa zona levábanse moito as sesións vermú largas e con dúas orquestras. Eu aínda estaba noutros grupos. Era máis importante que a noite case e incluso faciamos a procesión os músicos.
—Como responde o público de aquí?
—É colaborador. Gústalle beber [ri]. Son moi festexeiros, pero moi nobres. Cando están de festa, non andan con tonterías [ri]. De feito, en xuño, estivemos en Malpica, e tiñan moita ilusión pola festa. É este un pobo espectacular, son diferentes. E choveu toda a noite, non había carpa. Pois a xente aguantou todo o tempo e a festa foi xenial por eles.
—E algunha anécdota?
—Toquei en Carnés. O primeiro ano que estiven na Panorama, a festa era na zona de arriba, na igrexa, un sitio difícil para montar o escenario. Agora, fíxate: cambiaron de sitio e xa se lles volve a quedar pequeno. Daquela aínda non tiñamos tráiler, e para chegar a tempo á vermú, custounos. Noutra ocasión, por un pobo de Vimianzo, tamén, con outro grupo, aínda non había GPS, e paramos a preguntarlle a unha señora: Queda moito para chegar á festa?. E di ela: ‘‘Uf! Ata o 17 de agosto aquí non é!” [ri]. En Muxía, na Virxe da Barca, tamén nos meus principios coa Panorama, fomos un sábado, día no que tocan dúas orquestras. Ao acabar nós, ía quedar a outra actuando ata o domingo, pero non apareceu e fixemos hora e media máis. Dixéronnos que nos daban todo o diñeiro do mundo [ri].
—Ten gravada algunha actuación pola zona en especial?
—Pois esta mesma de Malpica porque chovendo tanto, que aguantara así a xente, entregada desa maneira... Pasa en poucos sitios. E a festa da Virxe da Barca tamén é das máis especiais que hai.
—Este mes só descansarán un día!
—O forte do verán en Galicia, agora, é xullo, agosto e metade de setembro. Facemos unhas 160 actuacións en sete meses. Entón, en xullo e agosto, marcamos un día de parón. Ao actuar por fóra tamén, a demanda é moi alta.
—Quédalle tempo para desfrutar algo do verán?
—É complicado. Se vou un pouco é a piscina para polo menos, xa que son tan branquiño, coller algo de cor que, se non, parece que estou enfermo. Teste que acostumar a ter o teu horario e non deixarte ir porque se non... Pero eu desfrútoo doutra maneira. Cando creas unha xira, elixes repertorio e o show, e estás preocupado se che vai funcionar porque o nivel ten que ser alto pola esixencia. Entón, o que me reconforta é vendo que o que fixeches, divirte á xente. Ver os campos cheos.
—E vostede como o leva?
—Somos unha orquestra de moita xuventude e iso dáme forza. Sempre me adaptei ós novos tempos. Sinto moito cariño por parte dos mozos, identifícome con eles. Mentres o corpo aguante e, sobre todo, o público queira, tratarei de estar.
—Cal é o seu plan idóneo para desconectar?
—Tranquilidade, se iso con música clásica, e, sobre todo, xuntarme a comer cos amigos. Se pode ser, cun bo chuletón de tenreira galega. Sempre vendo o mar.
—Agora é un asiduo nos programas da TVG. O humor tamén lle gusta. Igual acaba sendo o substituto de Gayoso.
—Vai durar máis ca min! [ri]. Gústame moito a televisión porque a galega aposta moito polas orquestras e o humor, que ao final, é do que vivimos, de que a xente o pase ben. Entón, estou a gusto, son eu.
—A xira 2023 chámase «Viaje al centro de la música». Invítenos a ir vela.
—Agora están de moda as viaxes no tempo. Baseamos o vestiario e a ambientación en traxes da época, aeronaves e máquinas de vapor, e imaxinámonos un futuro no que, con tanta electrónica e robots, non haxa música creativa. Así, viaxamos para recuperar as súas raíces.
—Iso levaraos a algunhas cancións do pasado.
—Agora, con tanto reguetón, no repertorio temos que tirar por música remember de calquera clase para cambiar de ritmo.
—E cal é o tema do verán?
—Todas as orquestras temos a de Shakira e Bizarrap sobre Piqué, pero «Las babys», de Aitana, e «Ella baila sola», de Peso Pluma, non poden faltar.
Máis a fondo
Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos?
No San Xoán do 2021. Estabamos co covid aínda.
Onde está o Cemiterio dos Ingleses?
Sóame.
Se lle digo Camariñas...
Ai si!
Cal é o único lugar do mundo no que un río desemboca en fervenza?
O Ézaro?
Si.
E como se chama o río?
Xallas.
Vén de Santa Comba! A min gústame moito a fervenza, é espectacular. Eu non fora nunca ata que a volta ciclista terminou alí. Eu tiña que ir ver iso. E cando cheguei, alucinei, e xa volvín dúas ou tres veces máis.
Probou os percebes de O Roncudo?
Non é da comida que máis me gusta.
Sabe situar a zona?
Sóame.
Se lle digo Corme?
Agora si! Están considerados os mellores.
E o longueirón de Fisterra?
Espectacular!
Coñece a Eduardo Pondal?
A ese si [ri].
Bañouse algunha vez na Praia dos Cristais?
Non. Onde queda?
En Laxe.
Vou quedar fatal [ri].
Cal é a catedral do megalitismo?
[Ri].
O dolmen de Dombate.
Non o coñezo.
Con que solpor da Costa da Morte se queda?
Co do faro de Fisterra. Vino dende as pedras e sen palabras.