A biblioteca Santiago Rey Fernández Latorre de Muxía acolleu este sábado a entrega de galardóns
16 dic 2023 . Actualizado a las 19:40 h.
€nriquiño, o riquiño [PRIMEIRO PREMIO]
Sara Fernández Santos [COLEXIO LABARTA POSE DE BAIO]
€nriquiño vivía nunha casa enorme, con tantos pisos que ata tiña ascensor. A súa habitación era grandísima, con doce armarios, cinco para a roupa e sete para os xoguetes. Durmía nunha cama tan grande que dende o medio ata a beira había de dar sete voltas para baixar dela. Almorzaba os máis deliciosos manxares e non ía á escola porque... ían os profesores á súa casa! Despois das clases, €nriquiño ía xogar ao golf, montar a cabalo e pintar cadros ao óleo. Para rematar o día, ceaba cos seus pais, pero non podía falar nada con eles, xa que estaban tan atarefados falando dos seus negocios que non querían que €nriquiño os interrompense. Logo ía para a cama triste porque estaba sen amigos e sentíase moi só.
Sempre desexou ser como os demais nenos, así que a noite anterior ao día de Nadal expresoulle ese desexo a Papá Noel. Ao día seguinte, €nriquiño espertou e, antes de rematar a segunda volta para saír da cama... pum!, caeu dela. Vaia porrazo! Súa nai oíu o golpe e preguntoulle:
—Mancácheste?
—Non, estou ben!, contestoulle el.
€nriquiño baixa á cociña polas escaleiras. As escaleiras! E alí súa nai tíñalle preparado un colacao quentiño con galletas. Logo foi andando á escola e alí os outros rapaces agardaban por el para ir xuntos cara a clase. Pasou un día xenial xogando a pillar, ao fútbol e ata a profesora lle chamou a atención por se subir a unha árbore. €nriquiño sentía que era o rapaz máis feliz do mundo. Pola noite estaba con seus pais, fixeron a cea todos xuntos, prefería este xeito de vida antes ca ter armarios cheos de roupa e xoguetes, polo que esa noite deulle as grazas de corazón a Papá Noel por lle conceder o desexo. Non quería ser nunca máis €nriquiño o riquiño.
O reno do nariz vermello [SEGUNDO PREMIO]
Nathael Martínez Puente [COLEXIO GÁNDARA-SOFÁN DE CARBALLO]
Érase unha vez un reno que tiña o nariz moi vermello e por iso ninguén quería estar con el. Un día, paseando polo monte, atopouse con outros renos que ao verlle o nariz tan vermello asustáronse e marcharon correndo. El pensou:
—Por que escapan de min se somos iguais?
Despois disto, un elfo que pasaba por alí explicoulle que os outros marchaban porque tiña o nariz moi, pero que moi vermello, e distinto ao dos demais, pero que non tiña que sentirse mal por iso, xa que non era nada malo ser diferente. Tamén lle dixo que ao día seguinte ía ser o día de entregarlle os regalos aos nenos e nenas, e que para iso ía pasar por alí Papá Noel, polo que o elfo tiña que marchar, xa que debía ir axudarlle a preparar os agasallos.
Xusto cando o elfo marchou, ao reno ocorréuselle unha idea: pasear por todo o bosque para intentar atopar amigos, pero como non o conseguiu, sentíase moi triste e comezou a chorar.
Nese momento achegouse a unha árbore e viu caer un agasallo dende o ceo. Foi investigar para ver que era e ao ver que eran xoguetes decidiu levarllos a uns nenos pobres que había nunha aldea próxima.
Papá Noel, que estaba vixiando dende a súa zorra, ao ver que era tan bo, foi a xunto del e propúxolle se quería acompañalo ao seu poboado. Aceptou encantado.
Cando chegaron, Papá Noel díxolle que estivera tranquilo porque alí ía ter amigos e nunca máis se ía sentir só, xa que alí todos se consideraban iguais.
Ao día seguinte, que era día de Nadal, Papá Noel preguntoulle se quería formar parte do seu equipo de renos con poderes, aos que todos os nenos admiran. El, moi contento, díxolle que si. Papá Noel preguntoulle tamén se lle podía pór un nome e el aceptou encantando, xa que nunca tivera un, pasando a chamarse dende aquel día Rudolf. A partir daquel momento, Rudolf sentiuse moi feliz por ter moitos amigos e sentirse querido por todos, e entendeu que non pasa nada por ser un pouco diferente, o importante é ser bo e axudar sempre aos demais.
E por suposto, cada ano, segue axudando para que moitos nenos e nenas sexan moi felices.
Un Nadal diferente [TERCEIRO PREMIO]
Manuel Lago Ayala [COLEXIO MANUELA RIAL MOUZO, CEE]
Todo parecía estar igual, outro Nadal máis chegaba o frío, as luces de cores, a ilusión de facer a carta aos Reis Magos, as ceas xunto á familia, as uvas que marcan o comezo dun novo ano e, como non, o meu santo. Pero esta vez vai ser distinto, na mesa onde antes había seis pratos, doce uvas máis e un grande sorriso, agora haberá un lugar que non volverá a ser ocupado por ela, estará baleiro, ese era o lugar da miña avoa.
Antes desexabamos que chegase a Noiteboa porque ceabamos todos xuntos, e comiamos esas sobremesas tan riquísimas que só mamá compra nestas datas. Logo, a parte máis divertida era cando o avó empezaba a contar chistes e historias que facían que a avoa se enfurruñara dun xeito moi gracioso, porque se ría ao mesmo tempo que lle berraba por contarnos eses chistes que dicía que non eran para nenos. Que noite tan divertida!
Este ano xa non será como antes. Estamos todos tristes porque a botamos moito de menos e xa non volveremos celebrar o Nadal con ela como faciamos. Oxalá lle dera tempo de poder chegar ata estas datas, pero non puido ser, un día marchou para o hospital e xa non volveu. Eu seguirei levándoa no meu corazón, pero xa nunca será o mesmo. Todas esas cousas que levou canda ela cando marchou vanse notar moito nestes días. Son un neno de nove anos, pero ao longo de todos estes meses aprendín que é imposible esquecer a alguén que queres moito, e cada día que pasa a ausencia faise maior. Recordo as tardes que pasei con ela sentado no sofá, os paseos que dabamos pola rúa collidos da man, o seu sorriso inesquecible que che chegaba ao corazón, como me rifaba por saír da casa con pouca roupa e eses cartiños que nos daba a miña irmá e a min os domingos pola tarde. Este ano polo Nadal encantaríame pedir un último bico da miña avoa, unha aperta, escoitar un quéroche moito ou só poder sentarme ao seu carón e comer esas ameixas que tan ricas lle saían. Ir espertala para abrir os agasallos que deixaran debaixo da árbore e verlle a cara de felicidade cando abría os seus agasallos. Este será un Nadal diferente, porque non estará con nós, pero endexamais esqueceremos o amor incondicional que nos daba. Quérote, avoa.
O Pobo FC [CUARTO PREMIO]
Fabio Vázquez [colexio labarta pose de baio]
Era un grupo de amigos do colexio ao que lle gustaba moito o fútbol, tanto que sempre que podían xogaban, vían os partidos na televisión e sabían todos os xogadores da liga. Pero eles non xogaban en ningún equipo porque o seu pobo quedaba moi lonxe de onde podían adestrar e os seus pais traballaban moitas horas, non os podían levar. Estaba chegando o Nadal e todos acordaron pedirlle a Papá Noel e aos Reis Magos que seus pais non traballaran tanto e puidesen levalos. Cada día de decembro que pasaba eles estaban máis contentos porque sabían que axiña poderán xogar no equipo do pobo do lado e era o que máis desexaban no mundo, así que cada día ao saír do colexio reuníanse na praza do pobo e adestraban ata que chegaba a noite e os seus pais os chamaban para ir cear.
As vacacións de Nadal chegaron, pero tamén o frío e a neve. Xa non podían xogar na praza. Fartos de ver a tablet e de xogar ao Fifa, un día decidiron falar cun señor que tiña unha nave que non usaba. Pedíronlla para xogar. El díxolles que si, e así durante as vacacións Leo e os seus amigos xogaron ao fútbol todos os días, ata que chegou Noiteboa.
O día de Nadal todos os nenos se achegaron á árbore buscar os regalos e leváronse unha grande sorpresa, mais non a que esperaban, pois seus pais tiñan que seguir traballando. Todos recibiron unha equipación completa e un balón de fútbol. A equipación tiña un escudo que eles non recoñeceron, pero estaban tan felices porque agora parecían un equipo, que non lle deron importancia. O día dos Reis Magos chegou, pero ese día nin Leo nin os seus amigos tiñan regalos, só unha carta na que se lles pedía que fosen á nave. Ao chegar alí e abrir, todos quedaron abraiados, era un campo de fútbol de verdade, con céspede, porterías, gradas... Ao fondo estaba o dono, el fora adestrador de fútbol cando era novo, e vivía na cidade, pero ao facerse maior veu vivir ao pobo, que era máis tranquilo. O día de Reis, el tamén recibiu unha carta na que os Magos lle pedían que, por favor, adestrase ao equipo de fútbol do pobo, que eles xa fixeran o resto, e só tiña que ir á nave. Cando chegou e viu o campo non puido dicir que non.
Esta é a historia de como naceu este equipo chamado Pobo FC, que chegou ata a Primeira División Española. Os seus integrantes xogaron na Selección Española de Fútbol Profesional, gañando moitos títulos.
O Papá Noel galego [Quinto premio]
Hugo Calvo [COLEGIO MANUELA RIAL MOUZO DE CEE]
Son Hugo, un neno de nove anos que vive nun pobo da Costa da Morte. Vouvos contar a historia do meu mellor Nadal, que foi o ano pasado. O desexo dos meus curmáns e o meu era coñecer a neve, entón a miña familia decidiu ir pasar as festas a unhas cabanas situadas na Serra dos Ancares. Todos moi contentos, puxémonos a preparar a equipaxe, asegurándonos de que o meteramos todo. Ao chegar á hora sinalada, levamos as maletas ao coche e emprendemos a viaxe sen deixar de falar de mil cousas, mirando atentos a paisaxe que nunca viramos, e que tanto nos sorprendía, porque a nosa é moi diferente á de montaña. Segundo iamos subindo, a néboa cubría parte do camiño, dándolle un toque de misterio entre as árbores. Despois dunha longa travesía chegamos ao noso destino.
As cabanas e os seus arredores eran fascinantes, había grandes montañas e árbores tan altos que parecían que tocaban o ceo. Cando entramos, os meus curmáns acomodaron as maletas e como xa estaba entrando a noite os meus tíos prenderon a cheminea. Todos estabamos moi contentos e despois dunha cea farturenta puxémonos a cantar panxoliñas, a cantar bailar… Acabamos moi cansos da viaxe e fomos cedo para a cama.
Sabendo que era Noiteboa, preguntabámonos ansiosos se Papá Noel sabería onde poder atoparnos. Antes de quedar durmidos faciámonos mil preguntas e todos estabamos esperando respostas. Despois de varias horas, un a un fomos caendo rendidos ante o cansazo, e a cabana quedou en silencio.
Pasadas unhas horas, espertei porque non podía durmir, xa que me doía a barriga debido aos nervios e a enchente de lambonadas que ceara. Comecei a oír algo que pisaba con grande forza e como a porta do meu cuarto se abría. Morto de medo escondinme baixo as sabas. A sombra dun xigante acercábase cada vez máis a min e eu tremía cada vez máis forte. Cando chegou ao meu lado díxome:
—Hugo, tranquilízate, que non vou máis que apalparche a barriga para facer que esa dor desapareza.
A súa voz grave deume tranquilidade e deixei que o fixera, fregou e fregou ata que conseguiu calmarme e volvín quedar durmido. Ao día seguinte cando espertei, non sabía que pensar do que pasara e non lle contei nada á miña familia. Os meus curmáns levantáronse e foron prender a luz. Aos pés da cama tiñamos un puñado de castañas e un agasallo para cada un. Cando fomos ao salón vimos a través da ventá que un gran manto de neve cubría a montaña. O meu desexo de Nadal acababa de cumprirse por fin: podía ver, tocar e xogar coa neve que eu tanto ansiaba coñecer. Saímos fóra e fixemos un gran boneco de neve. Cando mirei ao lonxe puiden ver ben ese home grande e barrigudo que viñera visitarme a noite anterior. Tiña o pelo pelirroxo, unha gran pipa na boca e ía vestido cunha boina e uns pantalóns cheos de remendos. Mentres subía cara á montaña saudoume coa man e chiscoume un ollo. Ningún dos meus curmáns o viu. Cando volvemos entrar na cabana acordeime do que nos contara a mestra na clase sobre un Papá Noel galego chamado O Apalpador que vivía nas montañas galegas. Así que eu tiven a sorte de poder coñecelo e tamén de poder cumprir o meu desexo de Nadal. Esta é a historia de por que esas foron as miñas mellores vacacións.
Un Nadal diferente [Sexto premio]
Khoa Nantón [colexio labarta pose de baio]
Para Marta este ano o Nadal non é igual. Séntese obrigada a pasar as vacacións co seu irmán Pedro, con súa nai e o seu mozo. É a primeira vez que Marta viaxa sen o seu pai. Martín, o pai de Marta, faleceu hai tres meses nun triste accidente. E dende ese día ela estráñao moito. A rapaza non entende como súa nai e o seu irmán non o botan tanto de menos. Eles están felices de ir pasar o Nadal a un hotel xunto á praia, non na súa casa, coa súa árbore, o seu belén, os seus adornos... En fin, non botan de menos as súas Navidades de antes.
Chegaron ao hotel e Carlos, o mozo de súa nai, estaba demasiado pendente de Marta, pero ela non quería saber nada del. Esa noite, no hotel onde estaban, ían facer unha cea de familia. Ela, por suposto, non quería ir. Fuxiu e todos comezaron a buscala. Carlos buscou por ela na praia e encontrouna acochada chorando. Sentouse moito tempo con ela. Ata que, pouco a pouco, a rapaza quedou durmida no seu colo.
Ao día seguinte, cando ían almorzar, Marta encontrou un paquete que poñía que era para ela. Abriuno e encontrou a bici que lle pedira a Papá Noel. En realidade, o agasallo viña de Carlos, pero ela non o soubo ata que o descubriu, porque llo contou súa nai. Marta, sen darse conta, empezou a encariñarse máis con el. Na Cea de Nadal, xa quería ir, e sentouse ao lado de Carlos. Este pasoulle a man polo ombro e ela, sen saber por que, deulle un abrazo. El, cerca da orella, díxolle:
—Martín sempre será o teu pai, eu estarei aquí para cando queiras, cando necesites ou te sintas soa.
Marta, con un nó na gorxa, sentiu o que é ter unha familia de novo. Esa noite, a rapaza foi moi feliz. Comeron, riron, cantaron panxoliñas... Marta, cando ía á súa habitación, mirou pola ventá, viu unha estrela moi, pero que moi brillante. Entendeu que esa estrela era seu pai. Martín dende o ceo desexoulle un feliz Nadal.
O Nadal de Luísa
Laura Cerviño [COLEXIO LABARTA POSE DE BAIO]
Luísa era unha nena que como todos os anos ía á aldea pasar o Nadal. Este ano seus pais non podían acompañala e quedaría soa cos seus avós. O día 22 de decembro, seus pais levárona á aldea. Ao chegar pensou que ía ser o Nadal máis triste da súa vida porque seus pais non estarían con ela.
Nada máis chegar, Luísa decidiu que non ía estar triste. Pensou que naquela aldea na que só había xente anciá tamén tiñan dereito a ser felices e divertirse.
Ao día seguinte levantouse da cama e falou cos seus avós, contoulle a súa idea. Ela quería que súa avoa lle axude a facer unha gran comida de Nadal para todos os anciáns da aldea que estean sós. O día 25 fixeron a comida e xuntaron a todos por unha vez en moitos anos. Para aquela xente foi o Nadal máis feliz da súa vida. Era a primeira vez que non se atoparon sós no Nadal e para Luísa a primeira vez que facía feliz a alguén. Ela era a máis feliz de todos.
A historia de Asraf
Brais Garaboa [colexio manuela rial mouzo de cee]
Esta é a historia de Asraf, un neno de nove anos que vive coa súa nai e a súa avoa nun campo de refuxiados. Asraf levaba dous anos sen ver ao seu pai e ao seu avó, xa que, seguindo o seu deber, tiveron que marchar para a guerra. Todos os anos esperaban o seu regreso, pero nunca recibían noticias deles, non sabían se estaban vivos ou se morreran. Como neno que era, Asraf sabía que cando cumprira doce anos podería ser recrutado e mandado á guerra. O rapaz intentaba todos os días recordar na súa memoria as caras do seu pai e do seu avó, pero ás veces enfadábase consigo mesmo porque non era capaz. O tempo que levaba sen velos fixera estragos na súa memoria. A noite do 24 de decembro, o neno, a súa nai e avoa marcharon para a cama sen cear como sucedía en moitas ocasións.
No campo de refuxiados a comida escaseaba e a saúde da nai e da avoa ía empeorando cada día un pouquiño. Asraf recordaba con nostalxia cando estaba no seu país, e o día de Nadal podía abrir algún agasallo que había debaixo da árbore. Xa había dous anos que non estaba na súa casa e no campo de refuxiados non se celebraban estas datas.
O día 25 de decembro cando aínda estaban durmindo, oíron un ruído de camións acercándose, levantáronse atemorizados pensando que viñan buscalos e cando saíron viron uns camións enormes que poñía Axuda Humanitaria. Deses camións empezaron a baixar homes e mulleres que sorrían alegres e traían comida e xoguetes para os nenos que vivían alí. Grazas a esta axuda, Asraf e as demais persoas do campamento puideron esquecerse por un día da guerra e celebrar o Nadal cun sorriso, aínda que botando de menos ao seu pai e ao se avó.
O desexo de Mariña [Noveno premio]
Bruno Cebey [COLEXIO GÁNDARA-SOFÁN DE CARBALLO]
Xurxo e Mariña eran dous nenos que cando comezaron as vacacións de Nadal, un día pola tarde, puxéronse a escribir a carta para os Reis Magos. Xurxo pediu un coche teledirixido e un videoxogo, e Mariña, unha boneca e uns patíns. Cando remataron foron merendar e prenderon o televisor. Estaban falando que había unha guerra, e que os nenos choraban porque non tiñan comida, nin xoguetes, e algúns perderan aos seus pais. Mariña púxose moi triste e foi escribir outra carta onde lle poñía aos Reis que este ano non quería xoguetes, quería que rematase a guerra para que eses nenos foran felices. Xurxo, cando viu o que pedira, riuse dela, porque dicía que iso non o podían facer os Reis Magos. Chegou o día de Reis, e a Xurxo só lle deixaron carbón, e a Mariña unha boneca e uns patíns, pero ela seguía triste. De súpeto entrou a súa nai e deulle a noticia de que rematara a guerra. Mariña estaba moi contenta porque os Reis Magos cumpriran o seu desexo.
O soño de Nicolás [Décimo premio]
Gabriel Ramos [COLEGIO XOSÉ PICHEL DE CORISTANCO]
Había unha vez un meniño que lle pediu aos Reis Magos dezanove agasallos, e os seus pais dixéronlle:
—Nicolás, non poden traerche 19 agasallos, ¿estás tolo?
A noite do 5 de xaneiro, Nicolás espertou cun estrépito. ¡Cabooom! Viu a...
—¡Os Reis Magos!, berrou Nicolás, e os Reis Magos dixéronlle:
—Ti, langrán, vaite para a cama, que son as 04.30 e os teus 19 agasallos están por vir.
Nicolás foi espertar aos pais...
—Papá! Mamá! Están os Reis Magos.
Pero en realidade era todo un soño, quedárase durmido na escola, e a mestra Loli bisboulle:
—Nicolás, esperta, é hora do recreo.