Novo recurso divulgativo | Presentada e xa accesible a páxina web sobre o ilustre autor baiés
16 dic 2023 . Actualizado a las 22:48 h.Acolleu este sábado o centro sociocultural de Baio a presentación da páxina web sobre Enrique Labarta Pose, un paso máis na posta en valor do escritor baiés por parte do Concello de Zas, representado polo seu alcalde, Manuel Muíño, e pola técnica Tania Carreira, responsable do deseño do portal. A eles sumouse, en liña, Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas. Pouco antes de intervir, valoraba Mira a web como un recurso moi necesario no mundo actual para «ancorar as referencias que ten que haber sobre un candidato ás Letras». Para coñecer, revisar, comprobar... Así o dixo tamén despois, incidindo no «coñecemento parcial» da figura e obra dun autor con moitas arestas, «e un coñecemento parcial acaba sendo sesgado». Xa Fernández del Riego tivera escrito disto hai decenios, así que é tempo de difundir a visión xusta, a máis completa, as súas achegas totais no literario ou no xornalístico, e van moito máis alá da faceta do humor. Será o portal, accesible dende a web do Concello, «punto de referencia, ben establecido, nutrido, para expandir a súa figura». Festexou Muíño este novo recurso que reforza a memoria do ilustre baiés.
O centenario da súa morte, data clave no horizonte
Queren en Zas que este 2024 sexa o ano da consolidación da reivindicación dunhas Letras Galegas para Labarta, loita iniciada hai xa un cuarto de século. Achégase unha boa ocasión para ese recoñecemento, o 2025, centenario da súa morte. Nos últimos tempos, sobre todo da pandemia a esta parte, a actividade labartiana medrou arreo. Todos o puxeron de manifesto, Mira aludindo á «peza clave» que foi Tania en todo isto: exposición, simposio, roteiro, a antoloxía que virá este mes...