O nome que identifica o noso xeodestino encerra un simbolismo moi potente e que nos encaixa como anel ao dedo, cunha notable coherencia xeográfica e astronómica, que se intenta poñer en valor dende hai uns anos. E agora, máis
31 dic 2023 . Actualizado a las 01:34 h.Para a mitoloxía grega, no momento da morte a esencia do falecido (a psique) separábase do corpo e debía ser transportada ao reino de Hades. Ese reino estaba alén da periferia do mundo, nos confíns do océano. O transporte facíao o barqueiro de Hades, Caronte. Se algún día unha alma en pena ou a Santa Compaña me preguntan polo embarcadoiro de Caronte, direilles que busquen na Costa da Morte; de feito, se Homero levantase a cabeza e viñese aquí nun dos nosos típicos días invernais de vendaval e mar axitada, seguro que coincidiría comigo.
O nome que identifica o noso xeodestino encerra un simbolismo moi potente e que nos encaixa como anel ao dedo, cunha notable coherencia xeográfica e astronómica, que se intenta poñer en valor dende hai uns anos. Para toda persoa, o lugar no que nace é especial, nunca serei obxectivo ao falar do territorio ao que pertenzo, pero creo que se pode afirmar que hai lugares singulares, sen risco de caer no chauvinismo.
A Costa da Morte é un deles; dínnolo tamén os milleiros de visitantes que temos cada ano. Débese, entre outras virtudes, á nosa posición no mapa, un dos extremos de Eurasia, o gran supercontinente do noso planeta (abrangue 13 dos 24 fusos horarios). Somos ademais o extremo no que morre o Sol (outro aliciente máis para que Caronte alugue un amarre para a súa barca no noso litoral) e iso sinálanos como punto final. Posiblemente hai moitos séculos isto fose a orixe dun fluxo natural de persoas que, buscando ir alén do mundo terreal, crearon unhas rutas de peregrinación ao longo de Europa para atopar a fin do mundo, á que no imperio romano se lle puxo nome. É ademais moi plausible que, no contexto da guerra relixiosa da reconquista, esa peregrinación fose reciclada no actual Camiño de Santiago no século IX.
No outro extremo de Eurasia hai un territorio ao que lle ocorre o simetricamente oposto: Xapón, que en lingua xaponesa significa «país do sol nacente», representado na súa bandeira nacional. Eles principio, nós final. O nome do país deles tamén é óptimo, porque esas illas nas que viven 125 millóns de persoas marcan o comezo de Eurasia (obviando a zona da Rusia polar). Dende alí, tirando cara ao leste, só hai Océano Pacífico; non se toca terra en 9.000 quilómetros ata chegar a California, en América. É un país cun altísimo desenvolvemento tecnolóxico e industrial: a terceira potencia mundial, tras Estados Unidos e China. Pero compaxina a modernidade cun gran coidado na preservación da súa identidade, tradicións e símbolos. Por iso non tiven a menor dúbida de que lles parecería chamativa unha circunstancia astronómica: decateime de que hai unhas franxas de días nos que o momento no que sae o sol nacente nipón coincide co momento no que se pon o sol na Costa da Morte. Concretei o cálculo no final do seu camiño de peregrinación, o Kumano Kodo, unha ruta que buscaba a fin do mundo oriental. A historia marcou ese punto extremo na vila de Nachikatsuura, pertencente á prefectura de Wakayama (algo máis dun millón de habitantes).
No outro lado do mundo, a Costa da Morte é a imaxe simétrica. Tirando cara ao oeste só hai Océano Atlántico, non se toca terra en 5.500 quilómetros ata chegar a Boston. E o Camiño de Santiago é a ruta europea que conduce á fin do mundo occidental.
A busca consistiu, pois, en atopar os días nos que cadra ao mesmo tempo o amencer en Nachikatsuura co solpor na Costa da Morte. Por mor do baile anual do eixo de rotación terrestre, hai dous días de coincidencia, que resultaron ser abofé singulares: o 17 de maio (día das Letras Galegas) e o 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo. Dous días arredor do solsticio de verán. Hai outros dous (27 de novembro e 18 de xaneiro) ao redor do solsticio de inverno, nos que o amencer da Costa da Morte é simultáneo co solpor de Nachikatsuura.
As datas poden ter unha variación de tres días arriba ou abaixo, e tamén varían en función da altura do punto de observación solar, pero estas fermosas sincronías que unen os extremos de Eurasia permiten pensar en actos sinxelos e con impacto visual, como unha videoconferencia entre xaponeses e galegos neses días, para contemplar o sol saíndo polo Océano Pacífico mentres nese mesmo momento se está afundindo no Atlántico.
Como isto enlaza co ADN identitario dos xaponeses, eles están encantados coa idea, como se viu hai dous meses na delegación que mandaron a Fisterra para a sinatura dun convenio. Como me comentaron, con estas coincidencias planetarias parece que ambos extremos estaban destinados a conectarse.