Ethel Vázquez: «Somos a garantía para avanzar en proxectos como a variante de Carballo ou a autovía da Costa da Morte»
CARBALLO
Entrevistas aos candidatos da Costa da Morte | A conselleira, de orixe pontecesá, destaca o feito en materia de infraestruturas na comarca
11 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Enxeñeira de Camiños, Portos e Canais e conselleira dende o 2014, a pontecesá Ethel Vázquez (1972) ocupa o posto número 6 da candidatura popular pola provincia de A Coruña. Reflexiona sobre o feito na Costa da Morte nos últimos anos en materia de infraestruturas, fixa obxectivos e analiza o panorama político.
—Como leva a campaña?
—Pois con moito traballo e con moitos partidos en fronte, aínda que só hai dous modos de entender a política. Está o do PP, que nos podemos centrar exclusivamente nos cidadáns ao ter esa estabilidade e experiencia que nos permitiu facer moitos avances, e logo está a desa macedonia de partidos que pelexan entre si e na que parece que se imporá o independentismo, o monolingüísmo e mesmo a desaparición do modelo territorial. Aí están eses dous modelos, e na candidatura que represento queda acreditado que temos equipo, temos programa e temos un gran presidente.
—Leva xa unhas cantas campañas ás súas costas. Acostúmase un a ese trafego?
—As campañas supoñen un esforzo para explicar á xente o teu programa, pero tamén son dúas semanas de moita ilusión, de traballar polo que estás convencido que precisa Galicia.
—E que precisa a Costa da Morte?
—Primeiramente creo que compre facer un balance do feito, que é resultado dun traballo serio e ben planificado. Porque así somos: planificamos para investir ben. Demostrámolo cando, na maior crise económica da democracia, executamos 27 quilómetros de autovía, mentres que o bipartito, en época de bonanza, só foi quen de poñer unha primeira pedra. Tamén temos ese plan de sendas en Bergantiños, esas accións para reducir o risco de inundacións en Carballo, nas que estamos investindo 6 millóns de euros, ou actuacións de mellora nos servizos da auga. Hai moito feito e tamén hai cousas por facer, pero temos demostrado que somos a garantía para avanzar nesas infraestruturas pendentes como a variante de Carballo ou a autovía da Costa da Morte. A alternativa estaría liderada por un Bloque que xa sabemos como é coas infraestruturas: é o partido do non, e mesmo nos levaron á Fiscalía coa execución da autovía.
—Variante e autovía: haberá avances na seguinte lexislatura?
—Ese é o noso obxectivo. Saímos dunha lexislatura moi convulsa polo covid, que afectou moito ao desenvolvemento de infraestruturas; pola guerra de Ucraína ou pola crise de prezos e materiais, que obrigou a revisar proxectos enteiros. Pero, aínda así, fixéronse cousas. Tamén solicitamos fondos Next Generation ao Goberno [estatal] e tivemos unha negativa. Pese a todo, o noso compromiso é avanzar e, como xa dixen, creo que somos garantía para poder executar esas infraestruturas pendentes.
—Falou do plan de sendas de Bergantiños: contemplan expandilo tamén ás comarcas de Soneira e Fisterra?
—Cando se inicia un proxecto sempre hai que comezar por algún lado, e Bergantiños foi das primeiras comarcas galegas. Fixemos 11 quilómetros de sendas que permiten aos cidadáns desprazarse de maneira máis segura, fácil e saudable. Agora estamos en fase de adxudicación coa de O Couto e axiña empezaremos tamén coa de Corme, que foi unha demanda do alcalde Mato, compañeiro meu, por certo, de párvulos. Comezouse por Bergantiños, e demostrouse que son infraestruturas que a xente goza e demanda, pero xa iniciamos os primeiros estudos e traballos para que ese plan chegue tamén a Soneira e Fisterra.
—E que hai do transporte público? Prevén melloras?
—O transporte público en Galicia, polo menos no que á Xunta compete, que son os autobuses, é tremendamente complexo. Destinamos 100 millóns cada ano e fixemos cambios importantes en mobilidade, incluídas algunhas reestruturacións, por exemplo, na zona de Muxía e Cee para ofrecer transporte aos estudantes de instituto. Aínda así, por suposto que seguiremos mellorando e expandindo servizos, pois falamos de mobilidade sostible e hai que ir por ese camiño.
—Como ve o panorama electoral?
—O que palpamos na rúa, é que os galegos van respaldar o proxecto do Partido Popular. Temos un programa con 870 medidas que son realizables, e queremos seguir baixando impostos, construíndo vivenda pública, ofrecendo matrículas universitarias e gardarías gratuítas, facer novas infraestruturas... Outros prometen cousas imposibles e confrontacións constantes e artificiais, pero penso que os galegos van respaldar este proxecto cunha maioría que nos permitirá gobernar.
—Anímase cunha quiniela?
—Mellor non [ri], e mira que son de números! Pero quédome cunha maioría do presidente Rueda, porque así, sei que acerto.