O Abaladoiro | Lingua a pé de natureza no obradoiro de acollemento lingüístico do Concello carballés
25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Descubrir as aplicacións do loureiro na cociña ou aprender a recoñecer as pegadas do porco teixo son algunhas das cousas que fixeron os participantes no obradoiro de acollemento lingüístico organizado polo Concello de Carballo. Como fin de curso saíron a camiñar pola beira do Anllóns e aprender o nome en galego de boa parte da fauna e a flora desta zona. Guiounos José Manuel Menéndez e estiveron acompañados pola técnica Carme Pereiro e a concelleira Ángeles Pacoret. Ás clases asistiron persoas procedentes na súa maioría de África e de América do Sur, pero tamén españois de outras comunidades autónomas. O obxectivo é achegalos á lingua e á cultura galegas. O xoves aproveitaron unha tregua no tempo para cambiar as catro paredes do centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa, polo Anllóns. Despois das vacacións a maior parte van volver as clases, coñecendo moito máis dos nomes das árbores e as flores, pero tamén dos peixes, as aves e outros animais que residen xunto ao río en Carballo.