Despois do amor, e se cadra tamén detrás do desamor, o inexorable paso do tempo debe de ser o combustible máis empregado para mover o motor e os fíos da poesía, e ata para a reflexións máis profundas, sempre e cando se teña tempo para facelas, porque xa bastante ocupa a vida para por riba poñerse melancólico. Ademais das coñecidas, as dos grandes autores, sempre me gustou esta de Xosé Rubinos Ramos: «O tempo decorre rápido e foxe inapreixable, vaise como un río e pasan caladas as horas, e sempre o pasado nos parece mellor».
Lembreina hai uns días vendo un cartel dun edificio que en breve cumprirá cen anos, data que imaxinaba de pequeno inalcanzable, e resulta que xa é relativa sobre todo cando tes alguén moi cerca que, tamén, está preto do centenario. É como poder tocar algo que semellaba inexistente, pero vaia se está aí. O dos cen é un caso algo atípico, aínda que achegado. O dos cincuenta xa nos toca a algúns de fronte. Nuns días vaise celebrar o medio século do colexio Labarta Pose de Baio (e xuraría que tamén o de Cee, a finais deste 2024), e estou seguro que a uns cantos (a uns moitos) vánsenos desbloquear demasiadas lembranzas. Sobre todo aos que nos tocou nos primeiros anos, a mediados dos setenta, e ademais cando estabas oito anos enteiros, ata os 14, dende a total inocencia ata cando os mundos explosionan na adolescencia.
Cincuenta anos xa, e parece que foi antonte. Mestres (algúns dun réxime pasado), xogos, amigos, erros, acertos, medos, pobrezas. A vida empezou para moitos naquel colexio de Baio cando non tiña case nada, pero nada, e cada pequeno avance de medios, ata unha pista asfaltada, supoñía unha aprendizaxe enorme sempre dende a modestia. E diso hai, xa, tanto tempo, mais parece pouco.