Onte foi o día de queimar cousas. Noite de San Xoán e día de prender lumes. A ver: é unha maneira de ampliar una tradición centenaria ou milenaria e, ademais de gozala, sacarlle partido, especialmente cando o tempo non é seco e a época de perigo de incendio non empeza ata o 1 de xullo. Como dicimos sempre, a quen lle vai parecer mal? A quen lle molesta? Pois daquela! Se no calendario hai días para todo, tamén os ten que haber para prender nese material que non se usa, pero sempre cunha mangueira ou caldeiros cerca, por favor.
Co das praias ocorre o mesmo. Os areais están cheos de vida, unha microscópica e outra algo máis grande. Por iso se protexen. Os concellos que teñen ordenanza de praias cualifican como infraccións graves facer «lume na praia, así como usar parrillas, bombonas de gas ou outros utensilios para facer lume, sen a autorización correspondente». Isto é o que din varias normativas.
Pero a esa parte final, o da autorización ou dispensa, é a clave para a excepción. Que xa sei: move milleiros de persoas cada ano, mesmo ducias de milleiros; e sei tamén que cada vez se toman máis medidas de protección, recolección de lixo e concienciación. Pero non estou seguro de que iso chegue a todos. Non creo que se evite en todo caso que queden esparcidos restos ben variados, tamén de vidro ou cristal, por moito que se limpe. Igual cos anos (agora mesmo é imposible), habería que pensar en recintos moi acoutados ou preparados para esa noite, nos que o dano ambiental sexa mínimo. Porque calquera outro día, cunha milésima parte do feito na noite do 23 ao 24, a multa pode ser das boas. Como ten que ser.