Chove sobre mollado

Marta López AXÓUXERE

CARBALLO

ANA GARCÍA

Mentres Milton facía das súas en Florida, Kirk esnaquizaba as previsións económicas de centos de gandeiros galegos, que viron como o vento arrasaba os seus cultivos de millo

11 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chove sobre mollado en Galicia, literal e figuradamente. Mentres medio país miraba a Florida con preocupación ante a chegada do furacán Milton, o seu curmán Kirk facía anacos as previsións económicas de centos de gandeiros galegos, que vían con impotencia como o vento arrasaba o alimento de todo o ano. Miles de hectáreas de millo. En moitos casos, o desembolso que terán que facer para mercar esa forraxe alcanza as seis cifras. Iso se conseguen atopalo, xa que tan pésima campaña de seguro non rematará con excedentes.

Dramática, canto menos, a situación dos gandeiros, que xa na pasada primavera se toparon con complicacións durante a sementeira, de novo polo tempo. E non obstante, a Consellería de Medio Rural, nunha reunión que mantivo onte con Agaca, limita o seu discurso a recalcar a necesidade de asegurar os cultivos e a recordar o investido en axudas para tal fin. Non está mal, pero poden facer moito máis.

Moito máis por un colectivo que xa non ten mans para defender tantas frontes como ten abertas. As grandes lácteas están abandonando á súa sorte aos produtores máis pequenos coa escusa do cumprimento do decreto de benestar animal. Búscanlles compradores alternativos nalgúns casos, si, pero con fecha de caducidade. A lexislación europea é cada vez máis estrita e menos adaptada á realidade territorial, os custos de produción seguen nunha infinita e imparable escalada, a marxe de beneficio é cada vez máis pírrica, o relevo xeracional decae.

Chove sobre mollado para os nosos, pero é o furacán Milton o que segue abrindo telediarios.