Axenda diaria | Entre outras citas destacadas, varias pezas de teatro, danza ou o 39.º aniversario de Aires de Bergantiños
09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • A maiores da cita coa danza contemporánea en Vimianzo e de Feirauto en Baio —ver aquí—, moitas outras iniciativas para este sábado 9 de novembro na Costa da Morte:
Artesanía en Vimianzo • Medio cento de palilleiras de moi diversos puntos de Galicia reuniranse hoxe no pavillón do CEIP San Vicenzo, unha cita que promove a entidade As Nemanquiñas e que acada a suá xa 17.ª edición. Unha xornada de exhibición, pero tamén de encontro e compartir experiencias. Poderase acceder ao pavillón de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, se ben o acto institucional de inauguración está previsto para as 12.00.
Cine en A Laracha • Máis do Ciclo Mestre Mateo promovido pola Academia Galega do Audiovisual. Hoxe proxectaranse varias curtas de imaxe real: 21.00, na Casa da Cultura. Acceso ao auditorio gratuíto.
Mel en Coristanco cogomelos en Fisterra • Acolle a EFA Fonteboa de Coristanco a 19.ª Cata de Mel, na que se elixirá a mellor mel en categoría absoluta e a mellor da Costa da Morte. Será ás 18.30, pero antes haberá varias sesións teóricas, unha sobre valorización de produtos apícolas, e outra ás 17.45 sobre etnografía apícola na Costa da Morte, con Carme Toba Trillo, muxiá. Fisterra acolle, por outra banda, a 10.ª edición das Xornadas Micolóxicas na Fin da Terra: saída ás 10.30 da planta baixa do Concello, cos participantes guiados por Roberto Montes. Precisa de inscrición.
Gastronomía por medio e magostos, moitos magostos • Como en Sísamo (Carballo), coa asociación Santiago Apóstol: das 20.00 en adiante, callos, castañas, café e dúo Galán. Ou en Buño, coa asociación O Quinteiro: no Forno do Forte, contos ás 12.00 con Celso Fernández, xogos ás 16.30 e castañas de balde ás 17.30. Magosto municipal en Laxe: pavillón, de 17.30 a 20.30, coa charanga A Ponte Vella. Organiza a ANPA Razo un cocido no pavillón do colexio: 13.30. A comisión de festas de Pazos (Ponteceso) apostou por xantar a base de polbo e churrasco: 14.00. O Paiosaco promove unha pulpada no pavillón do colexio Alfredo Brañas, sesión vermú incluída, e a ACD San Xulián de Malpica unha cea-baile no Canta La Rana (21.30). Dende Erboedo, a comisión preparou unha cea baile na Pazos: 22.00.
De festa • Toca san Martiño en Carantoña (Vimianzo), con misa ás 13.00, vermú co dúo Veneguay e verbena con Gran Parada e Mini CDC. Tamén por san Martiño festexarán en Cerceda: misa ás 13.00, vermú con Impacto, xantar (donativo de 28 euros, consulte prazas) e verbena. Festa é, igualmente, a sesión de baile para maiores no centro sociocultural de Zas: de 19.00 en adiante, co dúo Alborada.
Varias citas co teatro e 39.º aniversario do Coro Aires de Bergantiños
Carballo • O coro Aires de Bergantiños festexa hoxe o seu 39.º aniversario: 20.30, Pazo da Cultura carballés. Participarán xunto coa formación anfitrioa a Coral de Cesullas e a agrupación Os Farrapos. É unha cita gratuíta, incluída no ciclo Novembro con Música.
Cee • Baixo o paraugas do Outono das Artes da área da Cultura da Deputación chega hoxe ao auditorio Baldomero Cores de Cee (20.00 horas) o espectáculo No palco da música, coa participación da agrupación compostelá de música tradicional Brincadeira e a Banda de Música de Rianxo. Cantos e bailes que amosan a riqueza do país.
Corcubión • Xa no contexto do 25N, contra a violencia machista, acolle hoxe a Casa da Cultura de Corcubión a peza Golpes, teatro de concienciación acerca da violencia exercida contra as mulleres: 19.00 horas. Con Estíbaliz Veiga.
Ponteceso • Nada menos que 31 anos atesoura o Ciclo de Teatro de Ponteceso, que hoxe chega á súa segunda parada. No Edificio de Servizos Múltiples, ás 22.00 horas, poderá o público presenciar O pequeno poni, de Redrum Teatro, tocando un tema de calado como é o caso escolar. Xestión de entradas a través do teléfono 680 907 124.
Muxía • Avanza o programa Muxía Cultura Outonal. O convidado de hoxe é Pablísimo, quen achegará á localidade o espectáculo O Arquivo do Chivo. Para público familiar, ás 18.00 horas, no Salón do Voluntariado (servizos múltiples). O acceso é de balde.
Tamén A Laracha • Os populares personaxes Os Bolechas chegarán á Casa da Cultura ás 17.30 para amosar como tocan nunha grande orquestra. Espectáculo familiar: acceso libre ata encher aforo. ¡Procure chegar a tempo!