Xornada, tamén, de polifonía, literatura ou micoloxía: propostas para todos os gustos e estilos
16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Además da cita co cine e con Sica en Vimianzo, estas propostas hoxe na Costa da Morte:
Tarde-noite de regueifa en Carballo • A regueifa vive un novo tempo de esplendor, e hoxe toca en formato bar. Os combatentes serán Antonio de Xornes, peso pesado, e Yéssica Nantón, unha moza que anda na volta dos trinta anos e que ten memoria de nena daquela regueifa bergantiñá. Retranca, lingua, actualidade, de todo iso haberá este sábado no bar O Hórreo, a partir das 21.00 (rúa Gran Vía). O público decidirá quen é o gañador ou gañadora, que levará para a casa unha boneca, como se facía antigamente. «Unha grande oportunidade para vivir unha regueifa típica da nosa zona. Haberá pinchos a fartar con cada consumición»!, convidan. Gane Antonio ou Yessica, conta ela que será unha cita especial. A boneca está feita artesanalmente, cunha base de madeira elaborada pola propia Yéssica (Anxóuxeres).
Magostos, teatro e festival de Santa Cecilia en Carballo • Velada do máis completa, con dous magostos, por exemplo: un en Lema (16.00 horas, organizado pola asociación Ría de Lema e dinamizado por Brais das Hortas) e outro en Cances (19.30, organizado pola entidade San Campio, con teatro a cargo dos veciños de Sofán e baile co trío Mar de Caión). Tamén haberá teatro amador, neste caso con Vagalume, no local social de Bértoa, cita ás 19.00 na que unen forzas Concello, Coro Vagalume e Consello Parroquial: función As bruxas. Finalmente, o Pazo da Cultura acollerá ás 20.00 o Festival de Santa Cecilia, organizado dende a Coral de Bergantiños, anfitrioa, que terá a compaña da Coral Ecos do Ulla de Monterroso e Polifónica Illa de Arousa: acceso libre.
Visita guiadas a Brandomil (Zas) e Montesclaros (A Laracha) • No caso de Zas, non se require de inscrición, tan só achegarse ás 11.00 horas á ponte vella de Brandomil. Alí comezará unha visita comentada aos traballos arqueolóxicos que se desenvolven en Pedra do Altar. A arqueóloga Puri Soto será a encargada, doutro lado, de guiar a visita ao castro de Montesclaros, un percorrido por todo o xacemento: 11.00 horas, consulta de prazas no 676 963 062.
Teatro en Corcubión • Clausurarase (19.30, auditorio da Casa da Cultura) o segundo ciclo de teatro amador de Fegatea. Vestirán galas coa función Troia 1940, a cargo de Farándula Velutina. Como protagonistas, Carme e Matilde, un amor prohibido. Linguaxe de traxedia clásica, historia atemporal, unha Galicia marcada pola contenda civil.
Entrega de premios en Dumbría • Ás 11.30 horas, nas instalacións do Conco, galardóns correspondentes ao certame fográfico #DumbríaÉ.
Nova exposición en Carballo • Talento de Peter Kramer, desta volta na galería Manolo Eirín —rúa da Estrela—, unha xornada de inauguración ampla, dende as 12.00 ás 18.00.
Presentación literaria en Carballo • Na libraría Espazo Lector Nobel, ás 12.00 horas, La tercera orilla, con Marta Estévez. Acompaña Óscar Gende.
Magosto das Abaladeiras en Muxía • Dende as 16.00 horas, na lonxa, froito da colaboración da mencionada entidade e do Concello. Xogos populares dende as 16.00 e foliada liderada polas Abaladeiras dende as 18.00. Castañas asadas de balde para todos.
Teatro en Ponteceso • Avanza o 31.º Ciclo organizado polo Concello, hoxe con DeSexo, de Talía: 22.00, Edificio das Escolas.
Curtas solidarias en Carballo • Promove o Casino, das 19.30 en adiante. O que se recade irá para apoiar aos afectados da dana en Valencia.
Presentación literaria en Ponteceso • No Couto, na Fundación Pondal, Cova Céltica con Antón Cortizas: Os versos da mariola, ligado ao San Martiño. Será a partir das 12.00.
Cine en Paiosaco • Ás 21.00, no centro sociocultural de Paiosaco, proxección da premiada película Matria, parte do Ciclo Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Acceso libre e de balde.
Festa e baile • Vermú e verbena en Cambre, Malpica, polo San Martiño: o dúo Show e o DJ A3060 serán os protagonistas. No centro sociocultural de Zas, baile para os maiores (19.00) con Judith Cundíns.
Paixón pola micoloxía dende Vimianzo e Soesto
Hoxe • Hai xa oito anos que a Peña Barcelonista Irmandiña promove unhas cada vez máis exitosas Xornadas Micolóxicas, nas últimas catro edicións impulsadas conxuntamente co Concello. Serán esta fin de semana, hoxe coa sesión teórica, a cargo de Manuel Pose Carracedo: das 10.30 ás 13.00 horas, na Casa da Cultura. Para mañá quedará a saída e degustación. Unha xornada micolóxica para este sábado 16 de novembro é a experiencia que tamén puxo en marcha a casa de turismo rural Arrueiro, en Soesto (Laxe). Neste caso, a saída guiada estará liderada por Juan Carlos Lauroba, das 09.30 horas en adiante.
Avance para o día 23
Tamén en Laxe, pero neste caso organizada polo Concello, haberá o vindeiro sábado, día 23, unha charla e saída micolóxica: de 10.00 a 13.30. O faladoiro correrá a cargo de José Manuel Castro Marcote, e as prazas son limitadas, con inscrición previa a formalizar no 981 706 903.