A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso renova cargo na presidencia de Religa

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

A Asociación de Casas Museo e Espazos Literarios de Galicia celebrou asemblea en Culturgal. Foi unha das primeiras paradas do intenso decembro que ten por diante a fundación pontecesá 

03 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, deixou en Pontevedra moi boa valoración. Unhas 12.700 persoas pasaron por esta cita e, entre elas, veciños da Costa da Morte, como público ou participantes. No contexto desta feira, e na xornada do sábado, levouse a cabo ademais unha asemblea de Religa, Asociación de Casas Museo e Espazos Literarios de Galicia, entidade presentada en sociedade o pasado mes de xullo.

Nese encontro acordouse manter a directiva actual, de xeito que Religa seguirá presidida pola Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso. Ao seu carón, as fundacións Novoneyra, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Manuel María e Curros Enríquez. Seguen perfilando na entidade os estatutos, e coincidiron doutro lado na conveniencia de manter un encontro co conselleiro de Cultura, José López Campos. «A idea é presentármonos como directiva, expoñer cales son os fins desta asociación de fundacións e ver tamén que obxectivos principais nos marcamos a curto prazo», explica Xosé María Varela, presidente da Fundación Pondal, sobre o que agardan desa reunión. Con eles estivo en Culturgal o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen brindou o seu apoio para esa entrevista.

Quedará logo o inicio das actividades, no contexto do fin fundacional de Religa: «A entidade traballará como ferramenta de cooperación para o desenvolvemento do patrimonio literario de Galicia», expúxose no seu día. A vindeira asemblea será en Outeiro de Rei, na sede da Fundación Manuel María. A fundacional, levada a cabo o 19 de xullo, tivera lugar na Casa de Rosalía de Castro, Padrón.

As primeiras actividades dun decembro intenso

Esta asemblea de Religa, e máis un encontro de voluntariado galego celebrado en Pontevedra no que participou monitorado da Escola de Verán, abriron unha intensa programación deseñada pola Fundación Pondal para este mes de decembro. A seguinte cita será pasado mañá, xoves, na biblioteca de Muxía, onde Xosé María Varela, presidente da entidade, participará nun faladoiro incluído no festival Comarea.

Un torneo de xadrez, este venres 6 de decembro, e unha xornada de portas abertas na Casa do Maior do Couto, o día 13, seguirán avanzando na programación, que terá no domingo 15 unha das súas principais paradas. Ese día celebrase o 16.º aniversario da Fundación Pondal, a partir das 17.00 horas, con participación musical de Irma Macías e Luís Pinto, proxección videográfica, entrega de Diplomas de Honra, peche coa voz de Icía Varela e mais chocolatada para todos.

Outra cita importe chegará o 19, coa conmemoración do Día do Himno Galego dende as 12.00 horas: nela tomarán parte escolares dos colexios As Forcadas, Eduardo Pondal e Álvaro Cunqueiro, pois a ofrenda floral será no panteón de Pascual Veiga.

O 50.º aniversario de Calixto dos Maravillas (21 de decembro), o arranque da Escola de Inverno (23 de decembro), os Cantos de Noiteboa pola aldea (martes 24, de 11.00 a 13.30), unha carreira de Noitevella matutina e as Badaladas de Ano Vello ás 12.00, estas dúas citas o 31 de decembro, quedarán para a recta final do menú deseñado pola entidade pondaliana. Nas últimas das propostas terán destacada participación os máis pequenos.