Concertos, panxoliñas, verbenas e ata matíns para esta fin de semana de Nadal na Costa da Morte

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O Conservatorio carballés promove unha xeira de concertos que rematarán hoxe mesmo no Pazo. Veñen días intensos na Costa da Morte: nesta axenda, todas as citas musicais 

19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo o que sexa saír á rúa está ben, é escaparate», comentaba onte Javier Bardanca, feliz director do Conservatorio de Música de Carballo. Ademais das audicións que tiveron nos últimos días no Pazo da Cutura, ou da exhibición da Big Band, antonte botaron a andar unha xeira de tres concertos, todos eles ás 19.00 no auditorio do Pazo. A quenda do martes foi para cámara e conxunto; onte tocou corda, tecla e canto de coros; e para hoxe quedará vento, percusión e a actuación da banda infantil. «Todos eles concertos que adoitamos facer antes de coller as vacacións de Nadal», explicou Bardanca. Hai que sumarlle a iso o concerto da Banda Municipal na carpa da Praza, o pasado día 12, que é ao que se refire coas súas palabras iniciais: «Ata este ano esa actuación era no auditorio, dentro do Novembro con Música, pero estivo ben levala ao Nadal, penso que é algo que debe perdurar e, de poder cadrar co acendido das luces, aínda mellor. Quedou ben bonito, ademais xa con repertorio propio destas datas».

ANA GARCÍA

Avanza este novo curso no Conservatorio, que cada vez medra algo máis en alumnos. Andan este 2024/2025 na volta dos 175, un crecemento que tamén ten réplica nos seguidores, no público que se achega ás actuacións e que vive especialmente aquelas que son na rúa, nunha buscada apertura á sociedade por parte do centro. «Estou orgulloso do traballo que se está facendo por parte do profesorado. Hai un bo ambiente no Conservatorio, os nenos veñen, gozan da música, e os pais están contentos. Xa dende iniciación están en contacto con ela e á hora de elixir instrumentos, eles mesmos teñen o peso na decisión».

Festival da Escola de Música Moderna de Zas

O programa Nadal Zas inclúe tamén para esta tarde unha cita musical. Correrá a cargo da Escola de Música Moderna, que ofrecerá un festival de fin de trimestre no centro sociocultural da capital municipal. A partir das 18.30.

Ana Garcia

Recitais de panxoliñas en Carballo, Cee e Laxe

Varias citas coas panxoliñas esta fin de semana. Na igrexa de Carballo, este sábado ás 20.00, e logo do pregón de Nadal a cargo de Icía Varela e Xosé Manuel Varela, ofrecerán un recital os coros parroquiais, Coral de Bergantiños e Aires de Bergantiños. Tamén o sábado, ás 19.00 na igrexa Santa María da Atalaia, poderá acudirse a un festival de panxoliñas de iniciativa municipal no que participarán a Escola Municipal de Música de Laxe, Catasol, Maruxía, Coro de Laxe, asociación de veciños de Serantes e nenos da catequese. Igualmente o sábado, pero ás 20.00, está previsto o certame de panxoliñas promovido pola coral Polifónica Costa da Morte, no auditorio da Casa da Cultura de Cee. Xunto coa formación anfitriona, actuará na vila da Xunqueira a Coral Polifónica de Noia. No repertorio, peso do Nadal.

De percorrido en Vimianzo, Caión e tamén Valenza

De aquí a que acabe a semana, Trubisquiña de Vimianzo terá máis de media ducia de citas itinerantes cos seus Cantos de Nadal. Hoxe, dúas delas: ás 17.30 no local social do Comareiro (Serramo) e ás 19.30 na escola de Pasarela (Calo). Mañá será a quenda das escolas de Tines (17.30) e Treos (19.30). Para o sábado quedarán a escola de Carantoña (17.30) e a Casa da Cultura de Baíñas (19.30). O domingo ás 11.00 acudirán ao centro cultural de Carnés. Para mañá mesmo, venres, promove doutro lado a asociación Arume de Caión un pasarrúas de Nadal: das 20.30 en adiante. Ao remate, compartirán chocolatada.

Singular convocatoria, dende logo, a da asociación cultural Lourido, de Valenza, no municipio de Coristanco. Este sábado 21 de decembro percorrerán os cabanotes da parroquia para pedir o aguinaldo aos veciños: irán polos de Feles (10.15), Louzán (10.50), Rial (11.30), Bermúdes (12.30), Bardanca (16.30), Ferrolo (17.00), Sara de Varela (17.40), e Almacén de Pose (18.30: se non chove, na Praza). Serán estes, logo, os tradicionais Matíns de Nadal.

BASILIO BELLO

De Caamaño e Ameixeiras a Los Satélites, e máis

Concertos e verbenas fanse un oco nos programas de Nadal. Dos primeiros haberá este sábado un no Recuncho Gastronómico de Vimianzo, o de Caamaño&Ameixeiras ás 21.00 horas. Gratuíto, na carpa da Praza do Concello. Expectantes andan doutro lado por Corcoesto, Cabana: mañá, venres, están de festa, e no Lugar Grande —campo baixo carpa— actuará a orquestra Los Satélites e máis DJ Race. Avanzará tamén mañá o Nadal Musical de Laxe promovido pola comisión, con tres propostas nocturnas: Leite con Jalletas, Vito de Carolina e Pablo Balseiro&La Verbenian. En Cee, a cita será o domingo, co musical El mundo de los muñecos: 17.00, auditorio da Casa da Cultura, con entradas á venda de forma anticipada (8 euros) na biblioteca municipal. En billeteira serán a 12.

ANA GARCÍA

Música de par da lingua en Carballo e Ponteceso

Importante parada a que terá mañá o Programa Apego en Carballo. Das 16.30 en adiante, no mercado, tarde de foliada, obradoiros e visita do Apalpador. Da foliada encargaranse as asociacións Nemeth, Arume de Berdillo, San Campio de Cances, Escola do Alprende e Ría de Lema. Cita para nenos de 0 a 6 anos, complementada cunha merenda con pan de ovo e chocolate de Carballo. Promove Normalización Lingüística: inscricións en snl@carballo.gal. A Ponteceso chegará xa mañá (19.30 horas, biblioteca) o espectáculo A lingua somos todos: música, relato e poesía nunha proposta para todos os públicos a cargo de Emilio Rúa e X. C. Caneiro.

E ademais...

Moita música, como pode lerse, e máis que haberá con Son de Cabana, Cantareiras de Anos e Mamá Cabra no Poboado da Aldea de Riobó, este sábado a partir das 17.00. Tamén o 21, O Rumbo de Sardiñeiro, as pandeireteiras do Berrón, a charanga a Tripulasión e Rapacollóns Big Band animarán o Mercado de Nadal de Fisterra. Por Cances (Carballo) terán o domingo ás súas Cantareiras: 18.00.