O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo acolleu este sábado 21 de decembro, ás 12.00 horas, a entrega de galardóns
22 dic 2024 . Actualizado a las 00:33 h.Este sábado 21 de decembro, La Voz de Galicia entregou os galardóns correspondentes ao seu 21.º certame Contos de Nadal. Foi nun acto en Vimianzo, ás 12.00 horas, no que ademais da compañía Moc Moc cun espectáculo para a ocasión, subiron ao escenario os nenos autores dos dez relatos máis puntuados polo xurado. Antonio Candal Rey, alumno do Labarta Pose de Baio, resultou o gañador este ano. O seu texto, e os restantes nove, poden lerse a continuación:
O burriño que quería ser un reno de Papá Noel (Primeiro premio)
antonio candal rey
Érase unha vez un burriño chamado Blas, aínda que os seus amigos chamábano Saltarín, porque estaba sempre brincando por todos lados. Nacera nunha granxa rica, cunha corte para el só, un montón de comida e cepillado diario. Era un burro feliz! Blas tiña un desexo: ser un reno de Papá Noel. Iso era o que ía pedir no seu aniversario, o 24 de decembro. Non podía fallar! Chegou o día, pechou os ollos e desexou ser un reno de Papá Noel, mais non pasou nada. Púxose moi triste e quedou durmindo. De repente espertouno un «Buff, que dor!». Blas abriu os ollos e volveu oír: «Veña, ho, arriba!».
Blas ergueuse, saíu da súa corte e flipou co que viu no medio do prado: Papá Noel, o trineo, os renos e Rudolph polo chan.
O burriño correu cara eles:
—Que pasou?, preguntoulles.
—Home, Blas! Nada, que Rudolph torceu unha pata, díxolle papá Noel.
Blas non se vira noutra igual. Abriu os ollos moito e berrou:
—Eu! Eu! Eu! Eu podo substituír a Rudolph!
Incriblemente, Papá Noel dixo que si. Cantos regalos ía entregar Blas!
E así foi por todo o mundo. Pero o burriño observou que había casas nas que non entraban.
—Portáronse mal? Non teñen regalos?, preguntou.
—Non, non pediron regalos, Blas. A nena desa casa só quere que acabe a guerra no seu país, e volver coa súa familia. E o neno daquela só quere que seu pai volva ter traballo.
—Non pediron regalos?
—Non, Blas, non queren regalos, só a felicidade dos seus. Ti sabes que hai nenos que non teñen casa ou que non poden comer todos os días?
—Queeee? Pero iso non pode ser!
Blas non o podía crer. El era un burriño e tiña de todo.
—Pero xa llo solucionas ti, non?, preguntoulle a Papá Noel.
—Non, eu só lles levo a ilusión. Hai cousas que só poden arranxar as persoas, pero teñen que querer facelo, e non preocuparse só dos seus propios regalos. Xuntos poderían cambiar o mundo.
E ata Blas o entendeu!
A mellor familia do mundo mundial (Segundo premio)
alba garcía suárez
Un día das vacacións de Nadal fun a Fisterra, para pasalo con toda a miña familia. Cando chegamos fomos á casa dos avós e xa estaba alí toda a miña xente. Despois de repartir apertas e bicos, falar un pouco e poñernos ao día, aos rapaces e rapazas propuxéronnos poñer a mesa mentres os maiores remataban de preparar a comida. A verdade é que colocar a mesa para tanta xente e sentarnos como quixemos foi unha moi boa idea. Acordamos xuntar aos adultos nunha parte da mesa e a toda a rapazada na outra esquina, así non teriamos que escoitar as súas conversas aburridas... Iso si, todos estivemos de acordo en que os avós tiñan que estar no noso lado da mesa. Eles si contaban historias divertidas, sorprendentes e entrañables. Só os avós poden entendernos ben e facer que os nosos problemas deixen de ser problemas e se convertan en oportunidades de mellorar.
Cando chegou a hora de comer, a mesa estaba ben fermosa: co seu mantel, os seus panos dobrados como se fosen coroas de Reis Magos, os garfos e coitelos perfectamente colocados... [Tivemos que mirar en Internet no móbil dos irmáns maiores!] Por se fora pouco engadímoslle unhas follas de acivro que collemos do xardín dos avós como adorno, e tamén unhas etiquetas co nome de cada un para que todos e todas souberan onde sentarse. A ninguén de nós se nos vai esquecer nunca a cara dos avós cando viron que o seu sitio estaba reservado a carón de todos os seus netos e netas. Os seus ollos molláronse un chisquiño e o avó dixo coa voz entrecortada que se lle debera meter un lixo nun ollo. A avoa apresurouse a mirarlle, pero todos sabiamos que non era ningún lixo... simplemente era emoción.
Despois dunha comida ben longa, os curmáns decidimos ir xogar polo entorno do faro de Fisterra, ver a fin do mundo, como sempre dicía meu pai. Era un sitio ben fermoso, cunhas vistas marabillosas, onde se vía o mar e parece que non había máis terra que a que estabamos pisando.
O mellor Nadal do mundo (Terceiro premio)
olivia álvarez domínguez
No ano 2074 había unha nena chamada Noa que vivía nunha gran cidade en Galicia. A súa casa estaba no último piso dun edificio moi alto. Cando abría a ventá polas mañás podía ver os coches voadores, e saudalos. A Noa encantáballe estar diante dunha pantalla, pero cando a súa avoa Olivia os invitou á súa casa en Noiteboa, marchou a luz.
Noa frustrouse porque non podía estar máis vendo a tele. A súa avoa, para entretela, decidiu ir ao faiado buscar unha caixa. Rapidamente, a nena deuse de conta de que non era unha caixa calquera. Abriuna. Era unha caixa chea de fotos do pasado! A súa avoa era unha nena coma ela, de oito anos, e saía en moitas das imaxes, pero notaba algo distinto: o lugar era moi diferente.
Seguía sendo Galicia, pero estaba cheo de fontes, montes, un gran bosque de carballos... Pareceulle moi estraña unha cousa: estaba todo limpo, sen nada de contaminación, e tampouco estaba todo cheo de coches.
Houbo unha foto que lle chamou a atención a Noa. Preguntoulle á súa avoa:
—Avoa, por que nesta foto saídes ti e os teus compañeiros do colexio xogando tan tranquilos? Isto non parece a cidade!
—Claro que non, respondeu a avoa. Iso non é a cidade, é o meu pobo. Era precioso. O meu colexio chamábase CEIP Labarta Pose, pero dun día para o outro a xente decidiu que xa non quería vivir máis no pobo, que quería irse á cidade. Todo o meu pobo agora está baleiro, quedan moi poucos habitantes. Antes no meu colexio había 150 nenas e nenos, agora quedarán como moito 15. Desde alí tiñamos unhas vistas alucinantes, había animais, montes...
Noa púxose moi triste. Cando volveu á súa casa decidiu escribirlle isto a Papá Noel: Esta é a miña carta deste ano: Desexaría que lle dixeras aos nenos e nenas do pasado que coiden o que teñen, e que son moi afortunados.
Á mañá seguinte, o día de Nadal,Noa ergueuse e decidiu mirar pola ventá. O que pedira cumprírase!
Viu que todo estaba verde, xa non había coches, a xente camiñaba tranquila. Non había contaminación. E entón non o pensou máis e berrou:
—Este é o mellor Nadal do mundo!
O axudante (Cuarto premio)
vera martínez figueroa
Eu vivo nun pobo mariñeiro onde todos os veciños nos coñecemos. Pero de todos os que aquí viven hai un ancián moi especial chamado Chete. Chete non é moi alto, ten barba e pelo branco, un sorriso espectacular e sempre o acompaña a súa cadeliña chamada Linda, pero máis que linda é lista.
Un ano polo Nadal, o meu veciño foi o encargado de repartir os regalos a todos os nenos da vila, porque non vos dixen que Chete era o axudante de Papá Noel. Si, estades oíndo ben, o axudante. Eu sóubeno o día do meu aniversario, que mira que casualidade, é o último día do ano. Sempre o celebro na casa dos meus avós, a foron eles os que me contaron o do meu veciño Chete. Despois de coñecer a noticia, quedei un pouco asombrada, e cando fun para a cama tiven un soño fantástico.
Chete veu espertarme e preguntoume se quería ir con el repartir os regalos, aínda que tiña que ser un segredo que só saberiamos el máis eu. Camiñamos uns dez minutos cando chegamos a un garaxe onde había centos e centos de paquetes, subimos os regalos a un gran camión e empezamos a repartir. Eu ía lendo as cartas dos nenos e así el sabía o que tiñamos que deixar en cada casa.
Fomos ata a casa do meu veciño Lois, un neno que levaba meses enfermo e non podía ir moito á escola, alí deixamos unha carta cun gran corazón debuxado e firmado por toda a clase, onde poñía en letras grandes: Ánimo Lois. Ao pasar polo porto vimos unha familia de golfiños e cando chegamos a casa dos nenos que se portaban regular Chete díxome que a eles lles deixaba unha carta explicándolles os motivos polos que non lle deixaba ningún xoguete.
Pasamos toda a noite dun lado para o outro cargando e repartindo, rematei esgotada e Chete levoume de volta para a miña casa. Cando espertei ao día seguinte, non sabía se o que pasara fora un soño ou realidade. Debaixo da árbore atopei unha carta: Grazas por todo, foches de gran axuda.
Cando saín a rúa vin aos nenos xogando con todos os regalos que o día anterior eu axudara a repartir. Atopeime con Lois e cos seus compañeiros de clase xogando ao fútbol no parque, e tamén a Chete, que ía paseando coa súa cadela Linda. Cando pasou por min chiscoume un ollo e botoume un sorriso cómplice. Eu respondinlle do mesmo xeito.
Ao ano seguinte esperei na cama, pensando que Chete volvería buscarme para axudarlle a ler as cartas dos nenos da vila. Cansei de esperar ata que quedei durmida. Cando nos levantamos, debaixo da árbore tiña outra vez unha carta que poñía: Grazas por gardar o segredo.
Antes de comer, saín cos meus pais dar un paseo, pero esta vez non vin a Chete coa súa cadela. Pregunteilles por el e dixéronme que desde o mes pasado no ceo había unha nova estrela que brillaba máis que as demais, e que esa nova estrela chamábase Chete. Deste xeito comprendín por que aquela noite o ancián non viñera buscarme.
Un desexo por Nadal (Quinto premio)
edurne trillo fábregas
Nun pobo, moi lonxe, xa estaban preparándose para o Nadal. Estaba todo decorado. Os nenos estaban por escribir a súa carta. Unha delas, chamada Uxía, ía escribir a súa. Empezou a facelo e mentres pasaba o tempo, o bolígrafo empezou a tirar tinta pola mesa, caíanlle bágoas.
Uxía deuse de conta e non paraba de preguntarse que lle pasaba. A nena pensaba que era incrible que aquel bolígrafo botara tinta e tivese vida. Uxía preguntoulle:
—Que che pasa?
E o boli respondeu:
—Estou farto de que sempre teña que escribir cada ano o mesmo, sempre, e pedir xoguetes sen parar.
A nena pensou levar o bolígrafo ao colexio. Ao día seguinte, no recreo, contoullo aos seus amigos, e os nenos sorprendéronse. Logo de tres días decidiron pedir: paz para que os nenos non pelexaran, amor para estar todos en compañía, e felicidade para estas datas de Nadal e para todo o ano.
Era o que máis falta facía.
O boli quedou ledo, porque os nenos aprenderan que non todo era pedir xoguetes. O desexo do boli cumpriuse.
Un álbum de recordos (Sexto premio)
mateo fernández varela
Estaba a carón da lareira, fitando na leña que ía desaparecendo paseniño, cando un berro de miña nai rompeu todo o encanto:
—Xulioooooo! Que chegamos tarde á casa da avoa!
Sempre pasamos o día de Nadal na casa da avoa Catuxa. Nada máis entrar, xa me chegou o recendo do seu caldo. Cando abrín as portas da cociña, alí estaba os meus curmáns e tíos.
O teito estaba encapotado, cuberto de ruído. Vin entón como á avoa lle caían as bágoas polas meixelas. Mirei ao redor e só eu me decatara. Os demais seguían cos seus contos e quedamos os dous sós. Aproveitei para dicirlle:
—Avoíña, por que choras?
A avoa secouse axiña cun pano azul cristalino.
—Nada, nada.... Veña, bule para o salón.
Quedei todo apesarado. A verdade é que a morte do avó aínda está moi recente. Sei que todos fan por distraela, pero ela segue triste. Tiven unha idea: facerlle un álbum de fotos con todos os recordos xuntos.
Caeu a noite e chegou a hora de darlle o seu agasallo. Fun amodo á súa habitación:
—Avoa, é para ti! Espero que che guste. Abofé que o avó segue con nós. Nos nosos recordos e nas nosas vivencias.
—Grazas, Xulio!
Por fin lle vin á avoa un sorriso. Despois dunha aperta, díxome:
—Veña, a cantar panxoliñas!
Foi así como xunto coa avoíña, e a pesar da ausencia do avó, conseguimos ter un bonito Nadal.
O meu desexo (Sétimo premio)
sara fernández santos
Chámame Sara. Vouvos contar a historia de como chegou ata min este animaliño que teño no regazo, e que ronronear moi a gusto. Todo comezou hai varios anos, cando lle dixen aos meus pais que desexaba un animaliño de compañía, pero non me deixaban. Dicían que daba moito traballo, e que enchía de pelos e de pulgas toda a casa. Por moito que os intentaba convencer non entraban en razón, así que, nos meus pensamentos, pedinllo a Papá Noel sen que ninguén o soubera, xa que a meu primo, Enriquiño O Riquiño, concedéralle o seu desexo.
Ata o día de Nadal porteime de marabilla e ata sacara unhas notazas no cole, puros deces, para que Papá Noel me trouxera o que eu tanto desexaba. Chegou Noiteboa e non podía durmir... Pero non podía durmir porque estaba na casa dos meus avós ceando vieiras, carne asada, flan e xeado. Ao día seguinte levanteime como unha chispa e xunto cos meus pais, avós e irmá, comezamos a abrir regalos, esperando que algún tivera o que eu desexara con todo o meu corazón e cariño. Trouxéronme a colección de Policán, pero nin rastro do animaliño.
Falso Papá Noel, que non me trouxo o que eu desexaba!
Estaba tan triste que fun agocharme á casiña de madeira que estaba na horta de meus avós, pero mentres ía escoitei miañar: Miau! Miau! Viña do motor do coche de meus pais.
Fun correndo a xunta meu pai pedirlle que abrise o capó, e alí apareceu unha gatiña pequeniña. Blanquiña como a neve e cunha mancha negra nun ollo. E eu dubidaba de Papá Noel!
Era moi fermosa e, cando a collín, de seguida souben que me esforzaría en coidala e así llo dixen a meus pais. Coa axuda dos avós conseguín convencelos de que sería responsable de que a gatiña estivese ben coidada. Chameina Wish, xa que ela fora o meu desexo. Nunca esquecerei ese día de Nadal no que Wish se converteu nun membro máis da nosa familia.
O Nadal do meu avó (Oitavo premio)
roi barcelona castiñeira
Non cheguei a coñecer ao meu avó, pero miña nai faloume tanto del, que é coma se realmente o coñecera. Todos os anos ao chegar o mes de decembro acórdome moito del, non podo deixar de facelo porque miña nai cóntame moitas historias do avó e do seu irmán.
Cando o meu avó Xoán era un mozo, montaba a cabalo polo monte, e facía moitas travesuras co seu irmán. Andaban polo monte cos seus cabalos a todas horas. A súa nai estaba desesperada porque pasaban pouco tempo na casa e sempre estaba preocupada, xa que non sabía nada deles en todo o día.
Nas vésperas de Nadal colleron coma sempre os seus cabalos e marcharon. Cando ían de camiño unha voz que nunca escoitaran chamou por eles. O meu avó e o meu tío, moi asustados, achegáronse para ver quen os chamaba. Cando chegaron viron a un home vello, cunha gran barba, vestido con remendos e fumando en pipa. Non o coñecían de nada! O home presentouse:
—Son o apalpador, e vivo nunha cabana no medio do monte. Baixo todos os anos da montaña polo Nadal, a visitar aos nenos da aldea. Sodes afortunados porque ninguén me viu nunca, vós sodes os primeiros. A miña misión é secreta, e ninguén a ten que ver. Todos os nenos sábeno, e se intentan quedar espertos para descubrirme non recibirán nada.
O avó e seu irmán retrocederon no tempo á súa infancia, e recordaron aquel ano no que o seu pai estivo moi enfermo e non tiñan cartos para celebrar o Nadal, pero aínda así, recibiron un puñado de castañas, para que ese día non pasasen fame, e unha figuriña dun cabalo tallada en madeira. Desde ese día empezou a súa paixón por ese animal, e cando seu pai se recuperou comproulles un cabalo. Déronse conta de que fora o vello quen lles deixara as castañas e a figura. Moi agradecidos dixéronlle se o levaban a algún sitio e el díxolles que non, que seguiría o seu camiño, e pola noite baixaría a aldea.
Despedíronse, e cando chegaron á casa, estaba toda a familia reunida arredor da mesa. Celebraron unha gran festa e o meu avó mandou para cama aos seus irmáns pequenos, recordándolles que tiñan que durmir. Se non, o apalpador pasaría de largo e non lles deixaría nada. Esta é unha das moitas historias que a miña nai me conta sobre o meu avó, que aínda que non o coñecín, está sempre presente no meu corazón.
Marius, o neno da guerra (Noveno premio)
laura cerviño fuentes
Acababa de empezar o mes de outubro e o inverno xa estaba aquí. Ese día chegaron ao noso colexio un grupo de nenos refuxiados da guerra. Eran dez, pero alí estaba Marius, un neno moi triste. No medio dos outros, parecía que se acabara o mundo para el.
Foron pasando os días e os outros nenos adaptáronse a nós, pero aquel neno triste seguía alí e nos preguntabámonos por que os outros eran felices e el non. Ata que un día contounos que non sabía nada dos seus pais dende que comezara a guerra, e que a súa vida se acabara.
A nós deunos tanta pena que decidimos que o último día antes das vacacións, Marius tivera un Nadal diferente, onde non faltaran tampouco os agasallos. Aquel 21 de decembro, catro días antes do Nadal, o teléfono do colexio soou para darlle a mellor noticia ao neno.
Os pais de Marius apareceran e estaban de camiño ao noso pobo. E só con mirar para a cara de Marius, eu tiven o mellor agasallo de Nadal que puidera recibir na miña vida.
O Nadal sen papá (Décimo premio)
sofía domínguez romero
O Nadal non é tempo de felicidade para todos. Hai persoas que sofren nestas datas e que desexan que estes días pasen rápido. Este ano para a miña familia vai ser diferente. Por primeira vez irmos comer a casa dos meus avós. Que emoción! Espero pasalo xenial. Antes pasaba un Nadal moi divertido cos meus pais, xogabamos, cantabamos panxoliñas, iamos visitar o Belén que fan en Corcubión, e ver as luces de Muxía, pero este ano todo será distinto. Serán as primeiras festas sen o meu pai. Teño oito anos, e aínda que sei que as cousas cambiaron, ségueme gustando o Nadal. Todos botamos moito de menos a papá, pero nós seguimos aquí, e a mellor maneira de recordalo é seguir celebrando o Nadal como cando estaba el.
Teño unha irmá pequena e axudarame a montar a árbore. Este ano compramos unha nova figuriña, un anxo, con olliños azuis como os de papá. Adornaremos toda a casa con luces de cores e escribiremos xuntas a carta para os Reis. Explicareille todo o que eu facía con papá para que cando ela sexa maior se lembre destas datas e leve un anaquiño del no corazón. Ninguén che ensina a pasar o Nadal sen o teu pai, e menos sendo tan pequena, pero aínda que non estea seguiremos celebrando as nosas propias tradicións.
Eu sei que este ano será marabilloso porque papá desde o ceo, convertido nunha estrela, estará mirándonos e coidándonos. Es a miña mellor estrela. Quérote!