Especial Fin de Ano | Escribe Evencio Ferrero, alcalde de Carballo
01 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cavilar sobre o tempo, o espazo e o movemento son obrigas permanentes das responsabilidades institucionais de quen vivimos nun espazo xeográfico único, con grandes potencialidades. Mais tamén vivimos nun espazo que precisa unión, investimentos e compromisos doutras Administracións.
É preciso atinar nos retos de futuro para acadar un desenvolvemento sostible que permita que Carballo continúe avanzando como concello de servizos e clara referencia comarcal. As necesidades do noso concello, nun horizonte máis achegado, deberán estar recollidas na inmediata convocatoria de fondos europeos EDIL, para os que xa estamos a traballar co obxectivo de avanzar nun proceso de transformación e crecemento que debe incluír novos espazos de referencia como o edificio das entidades sociais nas antigas vivendas de mestres, un novo auditorio que permita acoller máis espectáculos escénicos e a reforma integral da Praza do Concello como núcleo da vida activa no noso concello. Tres grandes obxectivos a incorporar nos tres eixos da nosa estratexia urbana. Ou a necesaria cidade deportiva, que terá que moldearse na consecución do solo que precise para converterse no futuro, espero que non lonxano, en modelo deportivo dentro e fóra do noso concello.
Desde Carballo sempre reivindicaremos espazos compartidos, deixar de feirear por marcos que en nada axudan a procurar novas fortalezas, porque entendemos que é necesaria unha estratexia única á marxe de lexítimos intereses de cada quen.
A creación de emprego debera ter prioridade máxima para todas as Administracións. Ampliación do polígono industrial, prezo do solo, prezo da enerxía, custes de man de obra, seguridade xurídica, mellora das comunicacións coa imprescindible circunvalación para o transporte de mercadorías... Todos eles son factores que se teñen moi presentes para optar por unha localización ou outra por parte de calquera iniciativa empresarial, e Carballo non pode mirar de esguello a situación presente de non dispor de solo industrial.
Non é posible competir cando existen empresas que non teñen posibilidade de seguir apostando por Carballo e desapareceremos da competición se non dispoñemos en breve de máis solo industrial. Sabemos que a Administración é lenta, que ten un amplo percorrido por facer antes de poñer un punto final. Que se precisa pouso e engraxe para que todo funcione.
Agardo que este novo ano nos permita subir a un tren de ilusión que non queremos perder.