O adestrador do Calvo Xiria fai balance da tempada antes de pechar a primeira volta contra o Carballal, este sábado no Vila de Noia
07 ene 2025 . Actualizado a las 23:24 h.O Calvo Xiria xogará este sábado contra o Carballal no Vila de Noia, pero farao sen público debido á campaña da Federación Galega de Balonmán para concienciar aos espectadores en repulsa contra o sucedido en Sanxenxo hai case un mes, cando o pai dunha xogadora agrediu ao avó do árbitro, que rematou na UCI. Volverá así o equipo carballés a unha competición que completará esta fin de semana a súa primeira volta, na que o Xiria navegou dunha forma máis irregular do que se esperaba. O técnico, Adrián Dubra, confía agora en darlle a volta a situación.
—Que balance fai do que vai de curso?
—Non empezamos todo o ben que queríamos e iso quizáis non nos permitiu ter esa tranquilidade que nos fixese alcanzar o nivel de xogo que esperabamos. Metémonos unha presión que penso que nos prexudicou en certos momentos dalgúns partidos, e non atopásemos a regularidade necesaria. Tamén esperabamos estar máis arriba na clasificación, e iso condiciona.
—Cal é o obxectivo para esta segunda volta?
—Realmente, cando tras catorce partidos non conseguimos ter a regularidade que queríamos, é difícil marcarse unha meta. De portas para dentro falamos que temos ir partido a partido e ver onde nos atopamos. Os próximos rivais son todos da parte de arriba e iso vainos axudar a situarnos.
—O primeiro rival é o Carballal, este sábado.
—É un partido que tiñamos marcado no calendario e que chega terceiro clasificado. Reforzouse moito e ten por obxectivo rematar entre os dous primeiros. Pero nós xogamos na casa e temos esa ilusión de ofrecerlle unha vitoria a nosa afección, que non poderá estar con nós este sábado, o que nos prexudica. Si poderán estar para a semana que vén, que tamén xogaremos no Vila de Noia frente ao Teucro. Temos que aproveitar eses dous partidos como locais.
—Serviu o descanso do Nadal para recuperar aos xogadores con molestias?
—Paramos dúas semanas. Dende o partido contra o Porriño, o 21 de decembro, ata o 2 de xaneiro. Deunos para recuperar, pero aínda temos aí con molestias a Diego Antelo e a Chimpo, a ver como evolucionan, pero vai estar complicado que estean contra o Carballal.
—A gran nova da primeira metade de tempada para o club é o rendemento do filial, líder invicto en Segunda Autonómica.
—Si, dende o verán marcámonos o obxectivo do ascenso para o equipo filial, e por agora están facéndoo xenial. Sería un gran paso para o club porque axudaría ao crecemento dos xogadores da casa, que nos últimos anos vimos que necesitan ata dúas ou tres tempadas para asentarse nunha categoría tan esixente como a Primeira Nacional. Se o filial está en Primeira, en cambio, xa o salto competitivo será menor e iso axudaranos a todos. Nós, ademais, nunca dubidamos da nosa canteira, e confiamos en xuvenís e xogadores do filial para o primeiro equipo.