Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Concello de Carballo lanza a primeira edición do concurso escolar «Poesía do revés»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Un dos obradoiros de poesía levados a cabo en febreiro
Un dos obradoiros de poesía levados a cabo en febreiro

Haberá tres categorías, primaria, secundaria e ciclos e bacharelato, con prazo aberto ata o 11 de abril. Han de ser creacións en lingua galega 

22 mar 2025 . Actualizado a las 23:07 h.

Vén de convocar o Concello de Carballo, no Día Mundial da Poesía, a primeira edición do concurso escolar Poesía do Revés, unha iniciativa da concellería de Normalización Lingüística que, máis alá de impulsar a imaxinación, o pensamento analítico e o talento creativo, procurará contribuír á promoción da poesía en galego, aumentar a competencia lingüística da infancia e mocidade a través dos versos, así como a interacción entre os centros escolares e o Concello en favor da normalización do galego.

O certame vai dirixido a primaria, secundaria, ciclos e bacharelato, e aqueles textos que se presenten han de estar escritos en galego, ser orixinais, ter unha extensión máxima de 30 versos e incluír título, ademais do nome do autor e curso. Serán tres as categorías: primaria, secundaria e ciclos e bacharelato. En cada unha delas, tres premios, vales de 350, 250 e 200 euros para gastar nunha libraría de Carballo. Tamén poderá outorgarse un accésit (100 euros) para a obra que mellor reflicta algún aspecto da localidade. O prazo estará aberto ata o 11 de abril e, as bases detalladas, publicadas na web municipal.

Para introducir aos rapaces na poesía, houbo en febreiro obradoiros con Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario, con máis de 200 escolares.